Prioridades

Modesto Fraga A LUZ DA FIN DO MUNDO

CARBALLO

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica hai ruído de sables estes días na capital por mor dos resultados electorais do domingo en Galicia e País Vasco, mais tamén por outros intereses ou estratexias que deixan ao descuberto o mar de fondo que vive un dos partidos referenciais do noso sistema. Mais este tipo de situacións e diverxencias son bastante comúns nas organizacións políticas; o que cambian son as formas, os tempos e, sobre todo, os intereses dos poderosos grupos mediáticos á hora de magnificar o enfrontamento. A crise dos socialistas a nivel estatal non é moi diferente á que viviu o nacionalismo galego, con escisións que deron lugar á creación de novos partidos como AGE, CxG ou En Marea. E xa antes o CDS, de Adolfo Suárez. É evidente que a situación política e social mudou moito nos últimos anos e, como consecuencia disto, unido á profunda crise económica que vivimos e a un comprensible fastío na clase dirixente acabou propiciando un cambio na mentalidade e nas prioridades da cidadanía. Á xente de a pé non lle preocupan o máis mínimo as disputas de poder entre Susana Díaz e Pedro Sánchez, entre Iglesias e Errejón, entre Rajoy e Aznar ou entre os diferentes bandos en lide. O común dos mortais está máis preocupado por chegar a fin de mes, por atopar un emprego e por facer números para afrontar os gastos do día a día. Ninguén fala hoxe das elevadas taxas de desemprego que seguimos a ter unha vez rematado o período estival, nin da situación de emerxencia que atravesan os nosos sectores pesqueiro e marisqueiro, nin do secular abandono que padece a bisbarra. Debe ser porque xa rematou a campaña e, xa coas súas señorías comodamente sentadas nos seus escanos, estamos a outra cousa; máis pendentes do que sucede na capital que no importante. E así nos vai.