Vellez

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Cada un ten os seus puntos de apoio á hora de decatarse de que se fai vello. O corpo, os amigos, a familia. Os fillos, a memoria. Hainos que viven enganados e cren que sempre son mozos, pero a eses a caída sobre a realidade vailles doer aínda máis.

Os exemplos anteriores, seguramente os principais, valen para todo o mundo, pero logo están os pequeniños. Os de cada un. Por exemplo, fixarse nas pequenas cousas da natureza que te rodea, que sempre tiveches á vista e ás que nunca lle fixeches moito caso. Ese dente de león que só valía para soprar, pero resulta que deixa unhas flores amarelas que supoñías que aparecían soas. Esa planta rara e ben feita que nacían cada ano na beira dun baleón á que sempre ignoraches, e resulta que miras e é estramonio, con máis veleno dentro que unha cobra. Eses niños das andoriñas que de súpeto estaban na corte, e agora queres ver como se van unindo con lama e herbas cada un dos seus pregues. Os loureiros: o que era un, son dous e ben diferentes. Mesmo ao tacto. As herbas das patacas, que só daban traballos para cortalas e hoxe aparece polo medio algunha que debería gañar un concurso de beleza. A maruxa entre o millo: non hai compás que debuxe tanta xeometría que sempre se arrincaba, con absoluta indiferenza, para complementar a dieta das galiñas. Os bigotes da espiga de millo, de tantas tonalidades como os tintes que aplican nas perruquerías. Os cabalos do demo, que debuxan sobre o río uns bailes de cortexo que chaman por que alguén pinche de fondo Yo quiero verte danzar de Battiato. Os vimios non cortados que parecen abeneiros. Os ourizos e as landras: case se escoitan cando medran.