O alento

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

Eran as nove e pico da mañá. Foi onte, pero podía ser un día calquera dun ano destes. Uns pais preocupados e un pequecho con problemas de saúde. Querían extraerlle sangue ao rapaz para facer unha análise, pero non había maneira. O neno berraba a peito pelado: ¡Auxilio, auxilio! Nestas circunstancias as saídas complícanse. Aínda así, unha enfermeira experimentada logrou calmar ó pequecho e completar con éxito a operación. Debe haber poucas satisfaccións máis grandes ca recibir unha mirada tan agradecida como a deses país. Un sorriso de gratitude eterna. Debe ser que hai artes que non teñen prezo. Labores que semellan impagables, se ben pronto se esquecen nese devir diario que as veces vai enterrando o que non convén. Un pode traballar de moitas cousas, pero para momentos así hai que ter moita vocación. É admirable como o persoal sanitario pode meterse no fondo das dores das persoas para sacalas adiante con dignidade. Poder escrutar no máis íntimo para erguer á xente do pozo da enfermidade. Hai poucos labores que teñan un valor tan humano. Onte foi o Día da Enfermería, esa xente imprescindible para a saúde pública e a humanidade. Contaba Juan Carlos Espasandín, o vimiancés que foi o primeiro galego que viviu cun corazón artificial e que recibiu un transplante hai tres meses, que hai sete anos non vía saída nin futuro e que agora é un home cheo de vida e de ilusións. A ledicia de Juan Carlos é colectiva. É un trunfo dos sanitarios, pero tamén de toda a sociedade. O seu exemplo é unha esperanza para os que sofren o seu mal e para calquera que o poida sufrir dun día para o outro. É o trunfo da ciencia e dos profesionais da sanidade. E tamén desas enfermeiras que son o alento dos pacientes.