Idade media

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

30 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Media, con minúscula, non o período histórico. Aínda que tamén podería valer (esaxerando un pouco), porque falo da xente moi maior da nosa bisbarra. E, como ben sabemos, boa parte deles coñeceron condicións de vida, cando eran nenos, que seguramente non se diferenciarían moito das que había tres séculos atrás, polo menos na concepción do mundo, no uso da terra, na maneira de entenderse coa natureza e os demais.

Non son moi de mitificar nada, porque a calquera idade as persoas poden ser boas ou malas, con defectos ou virtudes. Tendemos a idealizar aos maiores, creo que máis por compaixón e ganas de chegar a esas idades que porque sempre o merezan. Dígoo en xeral, xa que en cada familia o que manda é o cariño e todo o que fixeron por nós, e aí non hai razóns para criticar: son os mellores do mundo sempre. E ás veces, moitas veces, si que o son. Cada quen sabe as que pasaron para sacarnos adiante, as penurias, comprar de fiado, andar ducias de quilómetros para mercar o mínimo, vender un pouco para recibir un nada a cambio, o estraperlo do wolframio, calmar as dores dos netos só coas súas mans, valer para cen oficios, inventar, subsistir. Cando se coñece todo iso e moito máis, ao que se sacrificou hai que recoñecerllo e agradecerllo. E ao que non...

Temos unha idade media alta, moito. Non tanto como os 106 de Consuelo de Cabana, que a operan da cadeira e aí está. A outros, se nos sacan un grolo de sangue xa nos desmaiamos. Os máis novos somos doutra pasta: peor, creo. Aproveitade os que poidades. Collede o móbil e gravádeos. En vídeo, as voces, fotos. Serán recordos históricos.