De novo non soportaba que os maiores me viñeran sempre co conto de que os rapaces non sabiamos a sorte que tiñamos. Que, comparados con eles, eramos uns privilexiados: colexio ata cando quixeramos, autobús para ir a el, comedor gratuíto, bicicleta, tempo para descansar sen ter que ir ás leiras. Era certo, si, pero veña unha e outra vez. Eu prometinme que cando fose maior non cometería o mesmo erro e, por suposto, nunca lles diría aos chavales iso de que ?vós non sabedes a sorte que tedes comparados con nós?.
Naturalmente, este tipo de promesas están para incumprilas. Home non! Mais non o podo evitar. Cando vexo que se repiten constantemente as queixas sobre unha goteira, ou que o bus pasa a 20 metros da casa e o rapaz pode perderse, ou que no patio se o vento vén revirado e chove pode mollarse, ou que os grupos de WhatsApp serven para laiarse de que o neno deixou o libro na clase, non podo evitar lembrar as que pasamos os que eramos privilexiados. Si que o fomos, pero camiñabamos a diario quilómetros para coller o autobús, sobre todo no instituto. Na biblioteca do colexio apenas había libros, e non se usaban. O material escolar era pobre. As actividades extraescolares non existían. A educación física era de risa. O fracaso escolar, maior que o actual por falta de atención docente e interese familiar. Mil veces había que facer os deberes á luz das velas, porque a luz marchaba seguido.
Podería seguir. Poderiamos seguir moitos que coñecemos esa época de hai 30 anos. Está ben reclamar, e protestar, e ter a máxima calidade, pero ás veces parece que queremos prolongar as incubadoras ata os 16 anos. Ou máis.