O pequeno

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Tendemos a idealizar aos nosos maiores na sabedoría e no coñecemento da vida. Si, hai razóns de sobra, e o cariño pode máis aínda que esas, pero non todo o que fixeron ten por que estar ben. De feito, dá igual vello ca novo: supoño que os latexos humanos son os mesmos dende hai miles de anos. Os medos, os odios, os desexos, as traizóns e tamén o amor.

Na enorme categoría das pequenas cousas que marcan o día a día, nunca entenderei que a xente máis vella non lle teña ningún apego aos elementos cos que traballaron sempre. Os obxectos, ou eran útiles, ou non eran. O accesorio non existía, nin se podía posuír. Calquera neno de 11 anos ten hoxe máis cousas das que podía xuntar, non sei, o noso bisavó en 50 anos. Pero ese desprendemento, que xa vin en varias casas (tamén hai casos contrarios) nunca o comprendín. Deixar morrer, ou desaparecer, ou romper, as rocas do liño. Os xugos, os louros. Vender os carros, as piogas. Esquecer nos faiados novelos, e cadros, e se cadra fotos. A bicicleta que rodou 50 anos deixala ir cos da chatarra. Ferrados de medir o trigo, cribos e peneiras, uchas de gran, esfolladores. Ferramentas oxidadas, buceiras das vacas, pilas da luz nas camas, bacenillas e zocos, mesmo polainas. Tantas cousas que podiamos conservar ás que non se lle deu valor, porque daquela non o tiñan. E a estética, ademais dun coñecemento filosófico, é un luxo que se aprecia só cando as tripas non berran. É xustificable ese abandono, pero tamén é unha mágoa.

Se cadra por iso mesmo se foron tiraron valados fermosos de pedra, ou se deixa que se derruben os muíños, ou lle gañamos terra ás leiras coas murallas dos castros.