Vinte anos da recuperación do primeiro narrador da comarca

La Voz

CARBALLO

A compilación dos «Contos» de Labarta Pose foi presentada en Baio en 1996
A compilación dos «Contos» de Labarta Pose foi presentada en Baio en 1996 . a. l.< / span>

A publicación dos «Contos» do baiés Labarta Pose deu pé á reivindicación do Día das Letras Galegas

03 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A memoria de Enrique Labarta Pose (Baio, 1863-Barcelona, 1925) sigue vive na súa vila natal. Non só polo feito de que o colexio leve o seu nome, senón porque a chama para lograr que o escritor e xornalista sexa homenaxeado co Día das Letras Galegas non languidece. Hai un ano, a comisión formada para canalizar esa petición -que encabeza Jorge Mira- retomaba o labor divulgativo dunha reivindicación que se remonta dos decenios atrás no tempo.

Contos

Ese afán reparador coa figura e a obra do autor viviu hai agora 20 anos un dos seus momentos máis importantes coa publicación de Contos, un libro que recollía oito dos relatos que Labarta Pose publicara entre os anos 1897 e 1908 en diversas revistas.

A presentación daquela obra, publicada por Galaxia e editada por Xosé Manuel Varela Varela e Xosé María Lema, fora todo un acontecemento cultural en Baio e reunira a máis de sesenta persoas en Casa Cruz nunha fría noite de mediados de marzo. Xunto a eles, completando a mesa presidencial estiveran Xaime Nogareda e Pedro Blanco, en representación de Galaxia, e Ricardo Gil Vigueret, en nome das asociacións Adro e Badius e encargado de facer o labor de presentador.

«É o primeiro narrador da Costa da Morte. Foi el quen puxo a primeira pedra», explicara entón Varela poñendo o acento sobre ese carácter pioneiro de Labarta Pose como introdutor das letras da comarca nun xénero ata entón non visitado. O humorismo era outro dos sinais de identidade dos seus relatos, que a pesares do tempo pasado desde a publicación orixinal ata a compilación presentada en Baio en 1996, «aínda conservan frescura, non están resesos».

Aquel día, Xosé María Lema destacara tamén a lingua «marabillosamente popular» dos textos de Labarta Pose e o feito de ter ambientado aqueles relatos no interior da Costa da Morte. Labarta cita a Xallas e Bergantiños e, aínda que non nomea expresamente a Soneira, si fala de lugares como Baíñas, Edreiras, Mosquetín, San Cremenzo ou Bamiro.

Biblioteca 120

Uns anos despois daquela publicación, a obra de Labarta Pose, volvía a coller pulo coa súa inclusión na Biblioteca 120, unha colección de libros editada por La Voz de Galicia entre os anos 2002 e 2003 que achegaba aos lectores as obras senlleiras dun cento de autores da terra. A décimo quinta entrega daquela colección -que recibira o Premio da Crítica á mellor iniciativa cultural no 2003- estivera reservada precisamente aos relatos do baiés, recollidos neste caso nun volume titulado O tío Miseria e outros contos.