Lemos cada semana as pequenas historias de emigrantes da Costa da Morte que marcharon para Arxentina, grazas aos textos de Luis Lamela. Son relatos entre miles de casos que, coas súas fotos, axudan a entender, e a non esquecer, aos que cruzaron o Atlántico. Moi necesario. Hai un blog exitoso que xa chegou a libro dedicado aos españois que se foron a Estados Unidos. Nada que ver cos irlandeses que pasaron pola illa de Ellis antes de entrar en Nova York: todos os datos están recompilados, algúns dramatizados, en grosos textos que teñen máis páxinas que os Aranzadi e as Espasa xuntas.
A emigración segue medrando na comarca. Viámolo onte cos novos datos do INE. Xa temos 37.000 familiares e veciños fóra, para unha poboación aquí de 115.000. Unha barbaridade. A inmensa maioría dos novos andan por Europa. Como parece que está cerca, a veces esquecémonos dela. Pero pensemos no impacto cultural, social e humano que supuxo no seu momento. Non falo de Suíza, donde chegaban a fábricas ou pobos e barrios pequenos con tantos paisanos que case non che facía falta saber alemán ou francés. Falo de sitios onde apenas tiñas a ninguén para moverte ou compartir o que fose. Pensemos en Londres. Ano 1971, xente moza con 18 ou 19 anos que nunca fora máis lonxe que a unha festa a dez quilómetros. Que case non falaba castelán e atopaba todo en inglés, con xente pouco amable para colaborar. Que o día anterior estivera sachando nas patacas e dous despois víase limpando unha oficina en Warren Street. Ducias, centos de casos. Pasaron xa 45 anos, se cadra 50. Esas historias nunca se contarán. Mágoa, porque son as nosas.