Os puntos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

17 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Apalabra punto é unha das máis socorridas. Vale para todo. No dicionario da RAE ten nada menos que 43 acepcións, e tal morea de exemplos que darían para un capítulo de algo (seguro que alguén xa o fixo). E iso que lle faltan algúns. Non están, por exemplo, os da muiñeira, pero os demais, todos: dende os que che dá o médico cando te cortas ata os cardinais, pasando polos que van aparte e os que van seguido e os que van a pares. Repito: 43. Non coñecía nin a metade!

Ademais dos da muiñeira, tampouco se inclúen os equivalentes a euros. Un punto, un euro. Ou é máis? Ou menos? ¿Será como os pesos ou duros, que eran cinco pesetas? Con menos frecuencia ca antes, vemos por aí carteis de torneos nos que se anuncian os premios: 500 puntos, 350 puntos... ¿E como llos dan? ¿En fotos? ¿Impresos? ¿Collen un papel e un boli e empezan a picar ata 500, como cando as galiñas comen o millo?

En fin, todos sabemos que, por cuestións tributarias ou de certos medos, o que se gañan son cartos. Pero así, nesa ruborosa ficción, parece que todos están de acordo. Seguro que os que teñen que saber o que hai non o saben. Seguro. E todos tan contentos.

Eu cambiaría o sistema. Poñería, por exemplo, 500 garbanzos. E daríallos aos gañadores. Ou os que fosen. E se ao lado deles vai un sobre con algún billete, pois non pasa nada, cada un é como é, e manexa os seus cartos como quere. Pero se se anuncia algo, que se cumpra. Ou fabas. Ou millo. Douscentos grans de millo para os terceiros, que aínda se poden moer. Ou de trigo, ou centeo, ou orxo. Ademais de fomentar os torneos, axudámoslle á produción agropecuaria local. E punto.