«O fundamental da obra é escoitar a vida da Costa da Morte»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

DARIO FOTOGRAFÍA

A fisterrana exerce de anfitrioa do equipo

27 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Fisterrana con ascendencia de O Pindo, a actriz Marta Lado, licenciada en Económicas ademais de en Arte Dramático, non só é Ollala a coprotagonista xunto con Xiao (Monti Castiñeiras) de SICIXIA a película que roda estes días Ignacio Vilar na Costa da Morte. Tamén exerce como anfitrioa do equipo de rodaxe e ela mesma está descubrindo moitas cousas da comarca que non coñecía.

-¿Que descubriu?

-Por exemplo a sensación de ir pescar nun barco do cerco ou a Furna da Buserana. Aínda nos queda tamén a praia do Trece. Á forza de ir facendo localizacións tamén descubrín moitas lendas da nosa zona que non coñecía. Mesmo coas preguntas dos compañeiros fixeime no curiosos que son os xeitos de falar que temos e nós que ata o de agora non repara tanto.

-¿Que impresión se está a levar o equipo da Costa da Morte?

-Están encantados coa paisaxe, coa comida... Aínda co problema do tempo e das dificultades propias da rodaxe estalles a gustar moito todo o que ven, porque a maioría estivera aquí só de turismo, así que o que coñecían era un pouco por enriba.

-¿Os protagonistas sodes máis ben un fío condutor, non é así?

-O fundamental da película é escoitar a vida da Costa da Morte. A trama de ficción é case coma un pretexto. Somos catro intérpretes que lle imos dando paso a moita xente da zona que teñen o seu protagonismo.

-¿É o son tamén protagonista?

-Quizais sexa esa a peculiaridade principal deste filme, porque no cine case sempre prima a imaxe. Por suposto que aquí tamén se coida moito, pero o son é en realidade ao que se lle dá unha importancia especial.

-¿Que tal se leva con Olalla?

-Para min foi un descubrimento de bastante tempo dende que empezamos a falar desta película, que en principio non tiña nada que ver co que é actualmente. Fixen un bosquexo de min mesma e de moitos referentes de xente da zona. Penso que a teño bastante interiorizada, que podo moverme e pensar como o faría ela. Iso resulta moi importante porque temos un guión condutor pero en realidade danos moita liberdade para a improvisación para ir incorporando o que nos aporta a xente. Por iso hai que estar sempre cos cinco sentidos postos para que non se che escape ningún detalle e poder encaixar todo iso na historia.

-¿Podería ser Olalla un veciña calquera da Costa da Morte?

-Esa é a dificultade do personaxe, que sexa unha máis, que resulte representativa da zona e que se poida mesturar coa xente, que estea ao mesmo nivel. A verdade é que eu síntome moi cómoda con ela.