Nunca é tarde para as pequenas descubertas. Hai uns días, nas Caldeiras do Castro de Muxía, fomos testemuñas de como a auga caendo a cachón resoa tamén o peito. Testemuñas de como no camiño pola costa que sae (ou chega) da praia de Soesto se palpa un certo silencio. Envolve e invita a mirar de fronte, ao lonxe, á liña do horizonte que agocha destinos e parte ceo e mar. Non son excepcións. Hai un tempo que o director de cinema Ignacio Vilar vén falando dos sons da Costa da Morte e, aínda sen coñecer o resultado, é moi de celebrar que finalmente dese por boa a súa teima de facer unha historia con eles. Os sons forman parte do noso patrimonio e sábeno ben aqueles que, máis alá da natureza, se botaron ás aldeas durante anos, altruístamente, para recoller a música propia, as raíces mesmas cantadas ás veces coa compaña dunha pandeireta ou dun baile. Grazas a eles hoxe podemos ver correr polas redes anaquiños de artistas innatos como María Castro Romero, tía María de Silván (Erbecedo). Tense falado da creación dun museo con este ramal da riqueza bergantiñá, o inmaterial, o sonoro, mais de momento son proxectos pendentes. Quizais Sicixia poida funcionar a ese xeito, cando menos no que respecta ao medio natural. Non podo imaxinar empresa máis encomiable ca captar as notas que chegan á alma. Pensen na caída dunha landra no medio do Bosque do Añón de Carballo (hai épocas no ano que supoñen un auténtico festival); na suavidade donda coa que os gatos deixan pegadas nas noites escuras; no impacto coa terra das mazás que se pasaron de maduración; ou no cariño da escuma branca logo de escachar a onda do mar na pedra costeira. Vén Sicixia e, cando menos, trae expectación.