Debe de ser un sinal dos tempos de cambio nos que estamos (económicos, políticos, sociais, educativos) a aparición do crocodilo na praia de Riás. Tamaña sorpresa só podería ser superada se en vez dun, aparecesen dous. Quen sabe. Onte o mar tiña tanta forza neste areal (moito ollo coas visitas en temporal e marea alta, o mar entra cara o estremo da estrada máis rápido que Bolt) que podías esperar que trouxera calquera cousa, ou que levara, pero de momento me parece que haberá que esperar por algo semellante.
O réptil serviu para que moitos soubesen desta praia, unha das máis fermosas do litoral da Costa da Morte, e mira que hai onde escoller. Nunca sei con cal quedarme das de Cambre: As Torradas, esta, a de San Miro. Toda teñen maxia e poderío con e sen auga, e tamén os laterais, cara Razo ou cara Cerqueda. Entendo ben aos de alí que prefiren que non se coñezan moito, para manter o seu encanto, que é moi elevado. Ten ata lendas, coa Devesa dos Carballos, illotes como o de San Bartolo, pedras negras que parecen saídas de dentro da Terra, cun aire ás do volcán Snæfellsjökull, co que se podía penetrar nela no libro de Verne. E agora, o crocodilo. Un bicho que mete medo dentro da alma, aínda que sexa pequeno, sobre todo a quen só está afeito a vixiar, cando neno, ás cóbregas ou ás denosiñas, e se cadra aos raposos de lonxe ou aos cans asilvestrados, que por certo corrían como onte o mar naquela especie de túnel que hai neses Riás protexidos por un monte que lle dan aínda máis dramatismo a un lugar excepcional.