Vello millo

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Pasarán os anos, e os que agora son nenos e teñen leiras na casa ou pola volta, cando chegue outubro, dirán:

-É o tempo do ensilado.

Botarano de menos se é que para daquela xa non se fai, e tal como van as cousas seguramente non haberá leiras nin silos. Incluso nin xente.

É un botar de menos tramposo, porque o que añoramos en realidade son os anos que pasaron, a xente querida que perdemos, un tempo que non regresará e que só lembramos pola parte boa, aínda que houbera moita mala.

Outros, os que agora xa non somos nada nenos, o que pensamos cando chega outubro é que xa chegou o tempo da esfolla, concepto que fóra da bisbarra hai que explicar con detalle polas evidentes cacofonías, aínda que dende o 87 xa vai resultando aburrido contalo e rirlle a graza ao que cre que a ten. A esfolla non é un traballo, é un concepto. Unha época do ano. Nin Samaín nin historias: o que hai que celebrar, o que marcou sempre familias e pobos é cortar o millo e quitar as espigas. Ás veces, ata un mes. Cando, nas tardes nas que se facía de noite ás seis e media, chovendo chuzos, protexidos cunha saca coa parte baixa dobrada a modo de capucha, nos arrastrabamos pola leira, cos pés enlagados e un par de corvos axexando preto das follas que se movían co aire, pensaba que daba igual que non tivese coñecido a Idade Media, a alta ou a baixa: era aquilo. Pois ocorreu antonte.

Agora chega un tractor que pon medo, incluso de noite, con luces como das dunha festa, en media hora liquida o que nos levaba días. Xa, vale, rápido, ¿pero que romanticismo é ese? ¿Onde queda a antropoloxía? Creo que algunha xente morreu antes por aqueles esforzos, subindo as espigas a cabazos que non é que estivesen fóra do alcance dos ratos, é que estaban fóra do alcance dos humanos. Un purgatorio sen descanso que, por outro lado, era unha maneira de facer familia e comunidade.

Aínda quedan moitos que esfollan en modo clásico, pero con máis calma. Estes días toca librar o cabazo do millo vello. E que as papoias se che metan na cara. Xa me tarda.