Oleite tamén é memoria. Moita memoria. Na miña, un tallo na corte entre esterco muxindo (ou mirando), sempre nas roxas, rubias e marelas. Así que sempre cos cuchos detrás. Era o que tocaba por non ter vacas leiteiras: todas do país. Había que esperar a que pariran. E tornar dos cuchos. A esas idades (meses) están moi folgados. Apartar do rabo da nai. Aguantar do caldeiro. Apuntar ben. Non é doado cando apenas sabes, despois parece do máis natural. Cando tocaba de inverno, ou con chuvia, e as vacas acababan de entrar, fumeaban: o seu suor botaba máis vapor que a lareira fume, que por certo estaba a poucos metros. Ulidos, sons, palabras, centeo na comedeira, os pes enlagados, a bosta a un lado, o leite para a casa. O tacto do teto, o sabor na cunca, mesmo sen ferver. Todo iso son as lembranzas do leite, miñas e de tantos. As de outros, os das leiteiras, xa van máis cara as máquinas de ordeño, unha revolución. Erguerse cedo, ir a esperar as cisternas, as medicións, os apuntes, os cartiños que ben axudaban cada mes, moito máis se tamén chegaban algúns da emigración, xa non digo de vez en cando uns pinos gordos ou un terneiro culón. Hai xente máis vella ca min que quedou impresionada cando viu coches que custaban un millón de pesetas. Para min, a cifra máxica fora chegar a vinte mil pesos por un cucho culón. Parecerá raro, pero aínda o lembro. Con cara de bo. É o único do que me acordo. Igual ca da Pastora, vinte anos na casa, que se di axiña. Uns días antes de que se vendese, porque así tiña que ser, botou unha carreira na Trigueira, e iso que lle custaba andar. Nunca lle vira tal. Ventaría a morte e se cadra quixo sentir o aire sobre a herba que tantas veces pisara. E que tantos anos fora muxida. Era das que non movían o rabo: cumpría o seu cometido cunha seriedade xermánica.
Todo isto é o leite, un tempo que xa pasou. De feito, sorpréndeme a velocidade á que se foi. Daquela, cando lle falaba á Pastora, o futuro non existía, pero vaia se veu.
Do futuro si que falan estes días moitos gandeiros. Tamén lles parece que non existe. Imos pensar que si.