Éo que se acostuma a dicir: falamos un inglés medio, nin para ti nin para min, para defenderse (hai moitas defensas posibles). Eu creo que debe de ser alto, porque está por todas partes. Onte, nunha radio musical nas antípodas de, por exemplo, Radio 3, un tipo falaba do turning show. Que poñía música, va. O domingo, en Fisterra, unha multitude encheu unha parte do peirao para ver á Panorama, que esta temporada presenta o espectáculo The game tour. Non sei como se chamaban os outros.
Non hai que ir ata o cabo do mundo, porque días atrás celebrouse en Carballo un clinic (seminario, curso, entrenamento, xa non sei) de balonmán. Xusto na fin de semana na que se disputou o Carballo Handball Festival. Por certo, con gran éxito. Máis ou menos como acadou semanas atrás a Winter Master Class Vento de Pedra, que reuniu en Cabana a canteiros e artistas nunha xuntanza digna de ver. E de aprender. Como en Camariñas, onde a Mostra do Encaixe tivo como mascota a Teddy Vilán. Un osiño vilanceiro moi mono.
Son só uns exemplos que me veñen á cabeza. De seguro hai moitos máis. Ás veces, I forget, ou como se diga que os esquezo. Pero seguramente hoxe xa os poderei remember, así que me acordarei. Son anécdotas, nada que ver coas misturas de español e inglés que tanto dan que falar, contar e cantar en películas, libros e cancións. Son case unha filosofía de vida.
Se cadra son tamén un índice que queremos saber cada vez máis, e de que o conseguimos. Isto é clave para todo, e entre ese todo está o turismo. Moitos visitantes estranxeiros quedarían encantados cunha boa atención en inglés. Cónstame que hai hostaleiros que o falan moi moi ben. Un deles, de Fisterra, é tan correcto (ten acento de Surrey) que ata aos que estabamos na mesa nos daba gana de tentar seguir nesa lingua.
Tamén en Fisterra vira o exemplo contrario, entre anfitrión e foráneos. Trataba de dicirlles que estaban na Coast, na Costa da Morte. Pero o acento ía máis ben cara a goat (cabra). Con tanta sorte que ao lado había dúas.