De casualidade leo un artigo de fai dez anos sobre a Semana santa da Costa da Morte. Case podería copiar e pegar, e non se notaría a diferenza no contido. Trataba sobre a abundancia e calidade de actividades durante estes días, apostando a que se trata sen dúbida da comarca galega con maior oferta para os visitantes. Unhas poden ganar nunhas cousas, e outras noutras, pero no conxunto a nosa parece imbatible. Non é cuestión de repetir aquí todo o que xa sabemos: procesións chamativas, exposicións, festas cabalares, gastronómicas, museos singulares, o encaixe... En fin, todo iso, que coa gastronomía e a paisaxe e o patrimonio convértennos nun destino único.
E si, todo isto tamén se produce agora. Pero contábase fai un decenio que era unha mágoa que, con tanta e tan boa oferta, non houbese unha marca única de atracción á Costa da Morte. Un gran continente para o mellor contido. E non o que pasaba daquela, que cada un promocionaba o seu como podía, incluso ás veces con enfados cos veciños por contraprogramar. Ademais, había cartos para facelo, a palabra crise aínda non se pronunciaba, e os locais hostaleiros estaban en auxe.
A diferenza é que, naquel artigo, sinalábase que a búsqueda desa unidade era unha tarefa pendente para os anos inmediatos, se cadra tres ou cinco, non máis, pero segura, e polo tanto co tempo si que se podería vender a zona con esa unidade que beneficiaría a todos. Era cuestión de falar, planificar, apostar en común. E non só para a Semana Santa, senón para todo o ano e datas sinaladas.
Xa non prognostico nada máis. Logo as hemerotecas están aí.