Os mandos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Apáxina Global Galicia (en www.globalgalicia.org), dedicada aos emigrantes galegos (por tanto, con medio corazón na Costa da Morte), ten o seu correspondente espello e amplificador nas redes sociais. É aí onde se pode ter unha relación máis directa cos lectores, que escriben de todas as partes do mundo. Comentan temas, mandan mensaxes, buscan raíces, valoran as fotos... O normal, isto non ten nada de especial.

O chamativo, polo menos para quen lle gusta abrir os ollos como as curuxas (inciso: os maiores sustos da adolescencia eran chegar de noite á casa e que berraran con ese son terrible que fan a tres metros, mirando cara ti) é o xeito no que os emigrantes entran no que se lles ofrece. Si, hai comentarios sobre as protestas dos retornados, as axudas para os que están lonxe e os que queren volver, as actividades en tal centro galego... Pero o que realmente esperta ducias de comentarios, de gustas, e compartidos, son as fotos que teñen que ver co noso pasado común, o agrario. Hai imaxes que case pasan desapercibidas, pero hai outras que prenden os motores da nostalxia, do tempo pasado, perdido ou escoitado. Si, tamén os fillos e netos dos que marcharon queren ver como era iso que lles contaban.

Son moitos exemplos: unha peneira coa fariña na artesa ou co trigo na eira, debullando millo a man ou cos novos instrumentos, plantando patacas agora que xa case estamos no tempo, rozando no monte, falándolle ás vacas... Imaxes tan sinxelas como unha muller cargando palla nun carro de vacas e o home en riba recolléndoa, recibe en moi pouco tempo máis de cincocentos clicks de aprobación e non sei cantos centos de compartidos. E coma esta, moitas. Picamos no noso tempo para que non se escape, e picamos aínda con máis forza canto máis lonxe estamos. Oxalá este xeito de actuar sobre unha pantalla servise para devolver o bo do que nos foi facendo como somos, pero dáme a min que xa non cargaremos máis a palla con mandos enormes nas horquillas. Os mandos que veñen son os de distancia. E os da distancia.