Azul e negro

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Parece mentira, pero case dúas semanas despois, aínda hai xente debatendo sobre a cor do vestido ese, que se azul e negro, ou branco e dourado. Tense dito algunha vez que cando pasamos de certo tempo cústanos asimilar determinados avances, xeralmente ligados á tecnoloxía. Pois non: cada vez é máis sinxela e o abraio dura unha hora, ou media. O que realmente é duro de entender é que se produzan estes debates mundiais.

Aínda o domingo lía algo sobre iso, xa non sei onde. A novidade sería onde non. O domingo, o día internacional da muller traballadora. En Galicia, nesta terra, muller e traballadora son un pleonasmo, pero de vez en cando non se deben esquecer certas figuras. E xustamente entre elas, ese debate nunca tería sentido: todos os vestidos eran negros. Así medramos moitos, e ben anos, entre mulleres maiores uniformadas sen cor. Non era un estilo de roupa: era de vida. Por loito, as máis das veces. Loito eterno, o que non se desprendía da pel. Pero tamén costume. A estética era allea a todo, igual ca o mar. É como cando vemos que as rúas principais dos pobos mariñeiros dábanlle as costas á praia: non era útil vela. O mesmo os vestidos. Os sagales. O mandil, a toca, as medias, os zapatos. Ata o viso! Todo negro ou gris, cincuenta ou máis sombras de gris para traballar na casa, na leira, na eira, na corte. ¡Na feira! Incluso agora, cando vexo algunha muller na de Carballo, os xoves, ataviada dese xeito, co pano á cabeza (tamén negro) e os cartos seguramente no seo, é como regresar a unha época pasada na que a vida si que era negra, incluso de máis. Son as últimas, herdeiras de xeracións que pintaron a metade da paisaxe humana dos nosos lugares.

Xa non é o mesmo, claro. A luz, todas as luces posibles, foron chegando a modiño e para quedarse definitivamente. Non se botan de menos, agás pola melancolía que produce pensar no irrecuperable. Por exemplo, cando tamén o azul e o negro se podían confundir ao lonxe. Que sei eu: a madriña na Barca, co azul do mar ao fondo; o branco da escuma e o dourado do sol caendo.