A fundación pontecesá realizou un acto conmemorativo fronte ao busto do Bardo nos xardíns de Méndez Núñez no 98º. aniversario do seu pasamento
09 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Xa é tradición, malia levar relativamente pouco tempo. Cada ano, coincidindo co aniversario do pasamento de Eduardo Pondal, a Fundación pontecesá que leva o seu nome organiza un acto de homenaxe ao Bardo na cidade na que morreu, A Coruña. E a poucos metros da súa última casa, na rúa Juana de Vega. Fano nos xardíns Méndez Núñez, diante do seu busto, xuntando verbas, flores, música e baile. Onte tamén o fixeron, entre case dous centos de persoas. Unha metade, de Cospindo e arredores, desprazados en dous autobuses. Outra, de Coruña. Os gaiteiros, tocaron; os nenos do grupo de baile, bailaron; o coro Oliveira cantou o Himno Galego, e Tamara Lema, caracterizada como Rosalía de Castro, recitou dous poemas de Pondal, o de A derradeira vontade (moi recomendable o artigo publicado onte neste xornal de Félix Neira sobre este tema) e Meniñas da Coruña. O encargado de falar foi Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, un home da casa do Couto, poderíase dicir. Da Casa dos Veciños, tamén. Estaban, naturalmente, os membros da Fundación. Entre eles, o alcalde, José Luis Fondo Aguiar; Luís Giadás ou Xosé María Varela, e tamén o concelleiro coruñés Roberto Coira. E Manuel Lourenzo, actor e persoa moi comprometida coa cultura, que se encargou da ofrenda floral, con camelias. Tamén moita máis xente anónima que quixo estar de lado simbólicos dun dos piares da literatura -e seguramente a alma- galega.
Por certo, que o acto de onte conmemoraba o 98º. aniversario do pasamento de Pondal. Non queda nada para o centenario. Haberá que irse preparando.