O noso tempo

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Cando, de pequeno, miña bisavoa me ía presentando os días e os meses según os signos externos da natureza, sempre pensaba que que nós, os novos, nunca mirariamos así o calendario. Que aquilo era cousa dos de antes, dos vellos. De cando non había outros argumentos dos que falar que non foran os do traballo de cada día. A casa, os animais, os problemas, os medos, as supersticións. Definitivamente asistía á morte dunha maneira de ser, pero sen tristeza: así cambian as épocas e nós só somos espectadores. Que máis me daba a min cando cantaba o cuco, ou cando viñan as anduriñas, e moito menos cando marchaban. Xa volverán. Cando os ameneiros empezaban a perder a folla e a botala, e as flores da volta da casa floreaban ou non. Todo pasa arredor de ti, pero non ti arredor de todo.

Non se poden botar soberbias. Iso tamén o dicía. Será que os vellos agora somos outros, como no poema de Benedetti (ahora, veteranos / ya le dimos alcance a la verdad). E o pasado é presente e viceversa. E xa poden vir as tecnoloxías que queiran que o que me vai xirando é outra vez aquilo que deixei pasar. Chegaron este ano as mimosas algo máis tarde, xa me preocupaba o conto. Quince días, non máis, amarelando todo. Os toxos si que viñeran no tempo, aínda que sempre hai algún adiantado. Os nabos xa están tinguindo as leiras, pero cada vez hai menos, e o mes das xestas non dá chegado. Sempre a mesma cor, parece que se vai pegando, mágoa dunha imaxe cenital e acelerada, como a da memoria daquela nenez cando lle dá por aparecer.

A corte xa espera polas golondrinas, así que ás arañas do teito pouco lles queda de vida. Moitas son re-bisnetas daquelas de antes, pero agora algunha vén anelada. Aínda non o creo cando as vexo así, como nas revistas de ciencia. Igual pensa o mesmo ao ver a un señor cunha réflex sacándolle unha foto, sobre todo se lle contaron que antes os humanos nin as miraban sequera. Tamén dirá que os tempos son outros para todos. E son: agora compartimos esas cores e lugares por Facebook. Xa bo é: o caso é que non morran. Pero eu prefiro sentir o tempo pola ventá e escoitar o cuco en vez de sabelo na pantalla do smartphone.