Final dun Feixe de Historias

José M. Menéndez PRESIDENTE DE SENDA NOVA

CARBALLO

Aantiga escola unitaria de Gándara, aquela que aprendeu a escribir as primeiras frases a Evaristo, foi o punto e final a este fermosa viaxe por Bergantiños e Soneira a través das Historias de inverno. Tivo que ser José Antonio Andrade o que presentara a Evaristo Domínguez Rial. Pouco lle fixo falta ao escritor de Seavia, aínda que si tivo dificultade para enumerar todas e cada unha das facetas, aportacións, traballos, etcétera, que o profesor de Agualada e narrador da tarde, veu desenvolvendo ao longo da dilatada contribución a prol do patrimonio da Costa da Morte.

José Antonio (que estreara as Historias de Inverno na súa escola de Seavia) foi tamén o que máis preguntas lle fixo a Evaristo en cada temática que esixía o guión. Didáctico, preciso, Evaristo foi enumerando un montón de contido e fixo que os participantes se colocaran na historia da Gándara, nos anos 50, 60 ou 70, cando Evaristo estudaba a súa carreira mentres agardaba no tractor que lle encheran o remolque de esterco.

Todo unha obra de teatro a tarde noite do xoves. Toda unha película cada unha das sete sesións que, ás sete da tarde, espallaron a historia recente aos máis de 250 participantes deste Feixe de Historias de Inverno.

A escola, ligar, as festas, o traballo, as comunicacións, a ditadura, e unha temática libre para partillar cos asistentes. Ese foi o guión de cada unha das fermosas tardes noites polo rural galego. Esta foi a base para coñecer un pouco máis a narradores dispostos a manter a historia viva dun pobo, a aportarnos a vital experiencia e a mostrarnos en forma de entretidas anécdotas e fermosos contos, o máis interesante do humor galego.

E no medio, todas e todos os moderadores que, en cada unha das parroquias se encargaron da organización das actividades. Sen eles, tampouco tería sido posible este Feixe de Historias de Inverno que superou amplamente as expectativas iniciais en canto á aportación dos narradores, ás colaboracións, aos moderadores e, sobre todo, en canto ao volume e atención dos participantes.

Un millón de grazas a concellos e entidades veciñais por deixarnos formar parte do seu territorio a través dos seus centros sociais, moitos deles, antigas escolas dos propios narradores. Grazas de xeito especial a Mari Carme e Leti que se encargaron de prepararnos o atraínte e sabedor avituallamento que nos brindaban en cada sesión e que tanto ditaba coa actividade. Teremos moito en conta o biscachón caseiro. Co ánimo que a historia non se perda, temos a bo recado as gravacións de cada sesión, mais dicir tamén, que é moi moi difícil superar cada conto narrado por xente auténtica a carón da lareira, un día de inverno. Pensaremos entón en como seguir con isto. Ídevos preparando.