Na illa

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

10 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Algunha vez téñome preguntado como non hai pola nosa zona bares ou restaurantes con nomes maxoreiros. Cafetería Corralejo. Parrillada Morrojable. Bar Tuineje. Restaurante La Oliva. Son algúns exemplos. Centos, seguramente milleiros, de veciños, traballaron nos últimos quince ou vinte anos en Fuerteventura. Moitos aínda seguen alí, pero nada que ver co que foi.

A illa mide de norte a sur máis ou menos como da Laracha ata Fisterra. Levan coa autovía máis anos ca nós coa nosa, pero polo menos alí algo avanzaron. Iso si: van a modo canto queren, pola dureza do terreo non será. Algunha das subcontratas é de Vimianzo. Teñen unha poboación fixa semellante á nosa, por abaixo, Por ter, ata o número de parados é o mesmo. A economía sumerxida é da que máis se ve. A expresión comarca alí é moito máis acaída: nalgúns lugares as dunas danlle un aire a El paciente inglés, misticismo que se rompe cando non hai avións polo alto e comezas a comer area aínda coa boca pechada. Só lembro algo parecido nas dunas cerca de Balarés, na Barra pola parte de Cospindo, hai moitos anos, cando iamos aos berberechos e o coche case queda enlagado ao medrar a marea.

É fermosa Fuerteventura. Xa dende o nome. Subindo e baixando eses cen quilómetros pola parte de Saliente, cerca do faro da Entallada (que montara o exalcalde de Fisterra, Valentín Castrege, no medio dunha infinita soidade), aparecen centos de casas baleiras a un e outro lado. Moitas delas foron erguidas por veciños desta comarca, e por galegos sempre. Non foron cartos regalados, suaron polas horas e polo sol, pero foron cartos. Houbo xente que fixo fortunas, como houbo quen as gañaba e a día 20 xa pedía un anticipo. De todo escoitas. Pero para os máis, foi un pequeno Eldorado. Por iso me estraña máis a ausencia de referencias, como as hai de Berna, Zúrich, Ginebra, Montreux, Vevey, Vaduz... Ata algún lavado e engrase se chama Lausana. É como se a pegada que deixou o sur fora distinta da do norte. Pero as dúas forman unha parte esencial do ser da Costa da Morte.