Case podería aseverar, e con total seguridade, que non teño pensado gastar a paga do mes nas últimas tendencias de moda. Pero os libros son outra cousa e todos temos vicios. Algúns fuman. O asunto vainos a todos nos pulmóns. O xeito de coller aire, no caso do meu defecto, é ir entrando en librarías. Prefiro as vellas, as que xa teñen un olor propio e nas que un ten que descubrir o que quere, sen carteliños que lle intenten secuestrar os ollos. Las mil y una historias de A.J. Fikry foi a última adquisición. Non ocupaba ningún lugar preferente, fírmao Gabrielle Zevin e, aínda que o título non é dos máis atractivos, seica ía falar dos que lían máis que vivían. Oportunidade concedida. Non todo está na imaxe. Máis alá da historia básica, que é o abandono dunha nena na libraría dun viúvo -ninguén que venda libros parece a priori mala persoa-, a obra ten perlas, coma a dunha nai que lle fai unha advertencia clara á filla: por culpa de tanta novela, nunca saberá apreciar os homes de carne e óso. Tamén hai cabaleiros literarios, pero eses adoitan ter frío nos pés (isto dígoo eu). A verdade é que non creo nesa imposibilidade de combinar vida e letras (sempre que o traballo deixe) e tampouco creo que a compartan os moitos escritores da Costa da Morte que nos últimos meses decidiron, e puideron, sacar libros á rúa. Escribir, coma ler, é espirse un pouco. Non sei se o pensarán eses autores, pero todo texto fala dun, aínda que sexa inventado. Dá indicios de por onde van as fantasías, e vese que aínda quedan moitas. Hai bos plans de domingo que pasarían por un libro e un café, un camiño a tomar para non ir caer a eses lugares nos que é obrigado lucir risas que parecen obtidas en laboratorios americanos. Hai pequenos tesouros agochados, e nin sequera fai falta ser fiel ao autor como un pode serllo á marca de tabaco. Teño unha avoa que me pregunta a veces que para que tantos libros. Se non lembro mal, dicía Baricco nunha das súas obras que, cando a Jasper Gwyn lle preguntaron algo similar (¿que fas con tantos libros?), el dixo: «Vivo con eles». Ao final non deixa de ser todo fume, coma o dos cigarros. Un vicio.