Non sei que me resulta máis sorprendente na imaxe de portada de onte deste periódico: se a visita dos Reis Magos á casa de dúas centenarias de Cabana- algo que agora parece normal, pero antes nin se plantexaba-, ou o abraiante estado de saúde das dúas. Escribía hai nada sobre a capacidade de Avelina Mouzo Leis, a máis vella de Galicia, con 110, que traballa máis que algún quinceañeiro, e dende logo érguese antes e arranxa a cama. Xa lle gustaría a algúns.
O caso de Cabana non lle chega a tanto, pero vai polo mesmo rego. Consuelo Ternande, con 105, aínda le o xornal e ten un ímpeto e unha simpatía fóra do común. Aurora Ramos vai polos 101 e se me din que son 75 ou 80 é perfectamente crible. As dúas aparecen bailando diante dos sorprendidos monarcas nun vídeo que, para o que o queira ver, está na web e máis no Facebook da Voz de Carballo.
E, non, non sei que é máis sorprendente. Estas dúas mulleres son dunha xeración que nunca tivo Reis. Non só a súa: moita xente criada nas aldeas que agora anda polos 40 tampouco os tivo. Algún rapaz, se cadra, algún detalle, cando xa ían cara os 11 anos ou así, e a televisión empezou a impoñer os costumes (por tanto, as necesidades), pero eran escasos. Polo menos, pola miña banda, non sei por aquelabanda ou pola outrabanda. Non se tiñan porque non se podía, pero tampouco había necesidade, non se pensaba. A algúns chegounos tarde o conto. Lembro, e non sei se o contei xa unha vez, que con 12 ou 13 anos houbera un neno ao que lle mercaran unha escopeta de balíns, e meteunos a gana a todos. Así que aí estabamos nós, seis ou sete, no autobús do feirón de xaneiro de Baio, cada un coa súa escopeta, como un exército infantil. En fin, aínda me doen os paxaros que caeron os seguintes días. Foron tamén os primeiros e os últimos. Hoxe, de vez en cando, a que cae é unha lata de bebida en riba do balado. Aquelas escopetas eran boas e duraban. E mercábanse cos cartos da xente maior, coa paga o que a tiña. Non tan vellas como Consuelo e Aurora, pero a nós xa nolo parecía. Quen nos dera que naqueles tempos viñesen uns Reis así a vernos. E quen nos dera tamén chegar ao seu tempo con esa vitalidade. ¡Aínda había de botar uns tiros!