Ás veces hai que insistir nas cousas para, a forza de aburrir, haxa polo menos unha persoa que as acabe facendo. Sobre todo cando cremos, sinceramente, que son actitudes positivas e que benefician a moitos. Xa non falo de urbanidade, educación ou respecto ao patrimonio común (esas cousas ou se maman na familia, na escola e na conciencia, ou non hai consellos que consigan inculcalas), senón dos pequenos detalles que alegran o día a día, e se cadra varias semanas.

Unha maneira é mercar no do lado. Si, esas campañas que de vez en cando vemos sobre a confianza, a proximidade, a calidade do trato. Pode que o prezo non sexa sempre o mellor en todos os produtos, pero é cuestión de comparar ou buscar alternativas. Mercar na feira á xente que necesita uns euros para chegar mellor a fin de mes. No mercado, nos nosos comercios. A lotería, o cupón, o restaurante. A artesanía, a horta. Os libros.

Podería determe en cada caso, pero paro nos libros, aproveitando que á dereita temos un novo que vale a pena. Hai autores na Costa da Morte aos que debemos ler. Xa non só por ser de aquí, que tamén, senón porque con eles aprendemos de paso a querer un pouco máis á comarca, e facela máis grande; nunca está de máis. Elixir é renunciar, así que cito só una mínima parte: os libros de Modesto, de Miro, de Cabeza Quiles, de María Canosa (seis este ano), de Concha, de Xosé María Lema, as Crónicas de Xan, sempre vivas... E tantos máis.

Son pequenas ideas para Reis, cheas de soños.