«Temos 9 concellos comprometidos coa CMAT en só un mes»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

Pablo Canosa.
Pablo Canosa. JORGE PARRI

O hostaleiro espera ter a asociación de turismo funcionando no mes de febreiro

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Canosa Quintáns, aos seus 35 anos, ten acadado un importante éxito profesional coa pensión rural As Eiras, propiedade da súa familia en Lires (Cee). Agora acaba de dar un paso ao fronte e leva pouco máis dun mes como presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), que se marcou como obxectivo primordial o desenvolvemento do xeodestino a través de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT).

-¿Que procura a CMAT e que resultados ten a día de hoxe?

-É un instrumento que queremos que nos englobe a todos para o desenvolvemento do xeodestino e para que a Costa da Morte teña unha imaxe pública definida, reciba apoios institucionais e se poida dar unha verdadeira formación de profesionais en materia turística. Aínda que practicamente levamos só un mes traballando -iso si a ritmo de unha ou dúas reunións diarias- xa temos comprometidos a nove concellos dos 17 totais, fronte aos catro que había antes.

-¿Que concellos a apoian?

-Adheríronse Fisterra, Cee, Zas, Cabana, Coristanco, Malpica, Ponteceso, A Laracha e Mazaricos, que, tal como nos dixo o alcalde, vai levar o asunto ao próximo pleno. Temos tamén o compromiso de Corcubión, Muxía, Vimianzo e Dumbría. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén nos deu sensacións moi positivas e pensamos que estará, mentres que, con outros, como o de Camariñas, aínda non tivemos tempo de vernos, pero farémolo nos próximos días.

-¿Cal é a resposta da Deputación da Coruña?

-Reunímonos onte [polo venres] co vicepresidente segundo Antonio Cañas. Nós levamos precisamente este apoio dos concellos como carta de presentación e tomáronnos bastante en serio porque vén que hai vontade dos axuntamentos para sacar isto adiante. De aí que se comprometeran a apoiar e cofinanciar proxectos cun aporte máximo pola súa parte que vai dende o 30-40 ata o 80 %. Iso é xusto o que queremos porque non imos alí a pedir cartos, senón a presentar proxectos cos deberes feitos.

-¿Cantos cartos vai aportar a Deputación? ¿Será parte da CMAT como un socio máis?

-Puxeron por norma non entrar en asociacións, porque non queren que lles pase outra vez o follón que agora teñen con Neria. Agora que tanto a Xunta como a Deputación van estar aí para financiar proxectos e nós preferímolo porque así non estamos limitados a unha cantidade concreta. Se presentamos propostas de maneira coherente, positiva, e chegamos a un consenso, poderemos ir ás Administracións, expoñelas e sacalas adiante.

-¿Van contar cunha xerencia e profesionais contratados?

-Cada cousa ao seu tempo. Isto ten que ser algo progresivo, aínda que si imos precisar un xerente, unha persoa cualificada que poida levar os asuntos e coordinar. Para isto tomamos o exemplo da Ribeira Sacra ou de Arousa Norte, que xa están funcionando deste xeito, con bastante éxito que van por adiante de nós.