Votar en Suíza

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Mañá en Suíza votarán para decidir se lle poñen máis límites á emigración dos que xa hai, sobre todo tras as votacións de febreiro que obrigan ao Goberno a poñer en marcha determinadas medidas. Se o de mañá sae adiante (non parece probable, polas enquisas, pero tampouco parecía en febreiro), instado dende unha suposta agrupación ecoloxista (Ecopop, parece o nome dun grupo demodé), haberá que esquecerse xa de ver ese país como un posible destino. Porque aínda o é. Pensaba que tras o bum de hai dous e un ano, máis ou menos, xa non marchaba máis xente, pero son bastantes os que o intentan, como me explicaba hai uns días un rapaz de Santa Comba e algúns taxistas de vez en cando.

Este tipo de temas non son menores, porque en Suíza residen 40.000 galegos, e a maior parte proceden da Costa da Morte e arredores. Se contamos os dos últimos 50 anos saen moitos miles.

Todos eles chegaron aló con moito esforzo e sacrificio, leccións de vida que coñecemos ben. De sobra: familiares, amigos, veciños... Son parte da nosa existencia. Agora que chega decembro moitos aínda temos no corpo aquela sensación de que xa estaban a punto de aparecer os coches coas matrículas helvéticas.

Precisamente por ese pasado, sigo sen entender como moitos galegos emigrados alí, xa veteranos, piden sen disimulo que se limite a inmigración. Xa son uns cantos os que mo teñen comentado, todos convencidos. Será que é certo que o que esquece a súa historia, repítea. E xa o vemos.