«Temos que sumar para poder facer o cambio»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

CARBALLO

O rexedor aposta porque os cargos do partido teñan disposición total ante a militancia

24 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

manuel mirás franqueira alcalde de oroso

Manuel Mirás Franqueira (1956), alcalde do Concello de Oroso, semellaba estar moi tranquilo gobernando con maioría absoluta, pero optou por abrir fronteiras no seu partido.

-¿Por que aspira á secretaría xeral do PSdeG na provincia?

-Penso que coa miña experiencia como alcalde de Oroso e no partido podo ser útil nun momento un pouco convulso.

-Pero despois destes procesos sempre quedan feridas entre as familias...

-Entendo que non. Quen gañe ten que estar ao lado da persoa elixida e apoiala xa desde o día seguinte. Temos que sumar esforzos para poder facer o cambio entre todos.

-¿Como ve á militancia?

-A xente está preocupada pola situación do partido nos últimos anos. Houbo unha caída de votos e de apoio popular. Tamén hai preocupación polas novas formacións políticas e polo funcionamento interno do partido e, sobre todo, nas charlas cos militantes hai unha pregunta que non falla, a de que facer coa corrupción.

-¿E cal é a súa resposta?

-A xustiza ten que actuar con sutileza e sobre todo con rapidez. Os partidos temos que ter un código de boas prácticas e todo aquel que se saia delas, hai que expulsalo. A xustiza non pode ir a macroprocesos que poden quedar en nada. Os políticos, en xeral, estamos dando moi mala imaxe, e a xustiza, unha imaxe pésima, con actuacións que en moitos casos quedan en nada. Hai delitos flagrantes que están quedando impunes.

-Vostede fala de expulsións, pero vostede fo sancionado por apoiarse de tránsfugas do PP nuna moción de censura...

-Daquela, algunhas persoas, non o secretario xeral, non estiveron á altura. Teño un documento no que o partido autorizaba a moción de censura que Oroso necesitaba. E despois dela, o PP pasou da maioría absoluta a ser testemuñal.

-¿E como se chega a unha maioría absoluta cun partido á baixa?

-Con trato directo cos veciños. E o resultado é marabilloso, porque cando se fala por encima de cuestións partidistas as súas propostas son moi, moi razoables. E ademais de escoitar hai que estar con eles, cando se levanta unha baldosa e cando hai que poñer en marcha un comedor escolar. Mire, co o debate do Plan Xeral fixemos 228 reunións veciñais.

-¿Cal sería a primeira medida como secretario provincial do PSdeG?

-Moito diálogo para pacificar o partido e pensar xa nas municipais. Temos que facer as mellores candidaturas con xente coñecida e conservar o poder que temos. Somos a única opción de esquerdas susceptible de ter representación en toda a provincia. Hai que mandar unha mensaxe clara á cidadanía, como nos oitenta.