Osur en Galicia, ¡vaia se existe! Os estereotipos neste caso non valen. Ou serven ao revés, que pode ser. Parece mentira que a estas alturas aínda teñamos que aprender deles.
Cando o do Prestige, foi ver un par de galletas a dous quilómetros e os mariscadores botáronse o mar para sacalo coas súas man. Si, vale, houbo algo de efectismo en todo aquilo, pero o caso é que se uniron todos para pechar os accesos á ría. Foro, en comparación, moito máis rápidos que en moitas zonas da Costa da Morte. Algo que lembramos ben os que vimos aquilo día a día. Pero a memoria é como a feira: cada un cóntaa como lle vai.
No sur comezaron as protestas e as plataformas polas preferentes e subordinadas. Alí déronse conta da estafa e empezaron a berrar con forza para reclamar o seu. No norte aínda houbo que esperar semanas. O mesmo coas multas e os emigrantes retornados: xa se facían polo Salnés agrupacións de afectados e empezaban a mobilizarse e por aquí aínda nin se coñecían casos soltos. Conste que, para compensar, pódese dicir que a Costa da Morte foi sempre a segunda zona en unirse, e ás veces con resultados organizativos incluso superiores, pero aos primeiros hai que recoñecerlle o mérito. E así pasou moitas veces en cuestións de marisqueo e pesca: aí abaixo, a unidade, sen ter en conta ideoloxías, e ás veces en contra das similares con tal de defender o pan, sempre foi unha bandeira. Obviamente, todos sabemos o que sempre pasou nesta comarca.
No turismo, por aí vai a cousa. Nas Rías Baixas están a anos luz. Ollo: no bo e no malo. Lévannos moitos anos de traballo. Non hai máis que pasear por certas vilas para ver que aquilo parece algunha cidade do Mediterráneo. Tal vez iso sexa unha vantaxe para nós (e para a zona da Capelada e entorno, por buscar algo similar), polo da falta de masificación. E, sobre todo, porque a nosa paisaxe está á altura dos mellores de España. Pero seguimos sen lograr a unidade de acción. Falta a implicación de máis hostaleiros potentes de toda a comarca absolutamente convencidos.