O legado de Xosé María Díaz Castro fai un alto na Laracha

Á. P. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

José Manuel Casal

A mostra do autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas foi inaugurada onte e estará na localidade ata o día 30

21 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano dedicado a Xosé María Díaz Castro está a piques de rematar, pero antes de ceder o testemuño ao próximo autor recoñecido co Día das Letras Galegas, Filgueira Valverde, o poeta lucense aínda será obxecto de varias homenaxes máis co obxectivo de que a repercusión acadada durante este 2014 non esmoreza. A mostra máis visible dese esforzo é a exposición Nimbos de luz, que ata finais deste mes se poderá ver na Laracha tras ter percorrido xa boa parte de Galicia.

A súa inauguración na localidade bergantiñá xuntou onte a numerosas autoridades, que coincidiron en destacar a importancia tanto como autor como persoa de Díaz Castro. «Un gran poeta que amou a terra e amou a lingua», apuntou Armando Requeixo, un dos comisarios da mostra, antes de ceder a palabra aos outros dous responsables de que a mesma vira a luz, tal como salientou na súa presentación o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Alfonso Castro referiuse á boa acollida que entre os rapaces tiveron os poemas de Díaz Castro e sinalou tamén que o autor «axúdanos a querer máis a este país», mentres que Luís González Tosar lembrou a súa amizade co autor e gabou os seus valores: «Foi un home que amou a súa terra desde o paradigma da tradición e o respecto, un paradigma hoxe en día máis necesario ca nunca», dixo o tamén poeta antes de referirse á polémica suscitada polo recoñecemento a Filgueira Valverde e reclamar que prime «o sentidiño fronte ao sectarismo».

No acto, no que interveu como anfitrión o alcalde larachés, José Manuel López Varela, tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen se felicitou porque, segundo explicou, cos actos realizados durante este ano «entre todos fomos capaces de colocar a Díaz Castro nun lugar central da actividade intelectual, cultural, política e social e dar unha visión ampla e poliédrica da súa aportación á literatura galega».

A exposición poderase visitar no edificio de servizos múltiples larachés ata o día 30 deste mes, pero o público que acudiu ao acto de onte -no que participaron tamén o coordinador provincial de Cultura, Manuel Varela, e o xefe territorial da consellería, Indalecio Cabana- ao finalizar os discursos puido facelo xa seguindo as amenas explicacións de Requeixo.