«As listas son o de menos, o que queremos é traballar»

CARBALLO

J. M. CASAL

O recentemente nomeado candidato á Alcaldía aspira a recuperar apoios para o partido e ser alternativa ao PSOE

28 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Fandiño Domínguez (Morpeguite, 1966) é o armador do Hermanos Sambad no que traballan oito mariñeiros e milita no Partido Popular dende fai preto de dous decenios. Despois de ir nas listas tres veces e ser concelleiro oito anos con Alberto Blanco, agora asumiu a presidencia da xestora local do partido e acábano de nomear candidato á alcaldía.

-¿Por que este paso ao fronte?

-Un grupo de simpatizantes decidímonos a botar un pouco man do partido, consultámosllo á dirección provincial, pareceulles ben e aquí estamos.

-¿Sabe que chega nun momento moi malo para o PP muxián?

-Perdéronse bastantes apoios por motivos diversos. Penso que fundamentalmente por desafección da xente, porque todo cansa e quería un cambio. O mesmo que nós agora que pensamos que é o momento de volver ao camiño andado.

-¿Teñen a lista cerrada?

-Non, nin estamos con iso agora. As listas son o de menos, o que queremos é ter un equipo grande de xente, cunhas 150 persoas ou así, o máis nutrido posible, para poñernos a traballar. Aínda que sete meses non é moito tempo, pensamos que nos chega máis que dabondo para reestruturar o partido que nos parece o prioritario. Despois, dentro desas 150 persoas, elixir unhas cantas para a lista non creo que resulte moi complicado.

-¿Vense apoiados polo partido?

-Niso non temos problema ningún. A dirección do partido deunos o seu apoio total, non nos puxo trabas ningunha, o que nos dixeron foi que traballásemos o máximo posible que nos ían axudar en todo o que estivese nas súas mans.

-¿Que lle ten que demandar Muxía e a comarca á Xunta e ás outras Administracións?

-Moitas cousas, aínda que tamén hai que mirar o momento no que estamos e o que nos poden dar e máis o que non. Unhas boas vías de comunicación son fundamentais. Agora, aínda que eu non estou moi o tanto diso, parece que o tema da autovía vai para adiante. A parte diso, o que nos fai moita falta aquí é formación, en todos os sectores que son prioritarios para a nosa comarca.

Manuel fandiño presidente da xestora do pp de muxía