Costa da Morte, territorio aberto

RICARDO GARCÍA MIRA

CARBALLO

Ricardo García Mira.
Ricardo García Mira. ANA GARCIA

Pasado e presente en Baio e na bisbarra do profesor de Psicoloxía da UDC

07 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Sobre dúas rodas

Agradezo a invitación a escribir nesta sección, porque me fai lembrar períodos da miña infancia nos que nunca deixei de disfrutar, e ben a gusto, desta fermosa parte do territorio de Galicia, onde pasei tantos períodos da miña vida. O primeiro que me vén á cabeza daqueles anos 60, é o doado que era aprehender, como un todo, o conxunto deste micromundo baixo aquelas rodas multirradiais dunha simple bicicleta de tan só unha catalina e un piñón; do resto encargábanse as nosas pernas. Aí, baixo os nosos pés, quedaron os roteiros que, como rapaces e sobre dúas rodas, fomos capaces de percorrer. Con apenas 10 anos de idade moviamonos de Baio a Carballo, continuando por Malpica, Ponteceso, Laxe, Vimianzo, para regresar despois dun marabilloso día de excursión. Outro día tocaban outros puntos da Costa da Morte. Hoxe, a expansión automobilística, unida a unha educación do ocio dos rapaces e rapazas desta idade, consecuentemente moito máis dirixida e dependente, como parece lóxico, fai imposible que calquera adulto chegara a tolerar tanta permisividade, aínda con bicicletas máis modernas e seguras.

Unha oportunidade perdida: os roteiros en bici

E así gozabamos durante o longo verán, fixando roteiros que hoxe ben podían terse desenvolvido como tais. Así o fixeron noutros países de Europa que, como Holanda, se mantiveron, ata o punto de que hoxe, o turista que se achega a ese país, é normal que procure un lugar onde poda alugar unha bicicleta para moverse polo entorno. Mágoa que non ocorrera o mesmo por aquí, que se optou por non desenvolver esta posibilidade. Baixar o Roncadoiro sen mans desde o alto de Borneiro ata o empalme en Canduas formaba parte dun ritual que compartimos moitos rapaces daquela época, entonces posible pola seguridade que transmitía a ausencia de coches, hoxe moi perigoso e para nada recomendable.

Un desenvolvemento cultural xenerado co respaldo veciñal

Aínda que cativo, dado o baixo nivel de atención institucional que recibiu historicamente, a Costa da Morte tivo o seu desenvolvemento, que hoxe pode visualizarse na súa oferta cultural e gastronómica, na súa oferta turística baseada no singular territorio e fermosa paisaxe, arquitectura tradicional, megalitismo, praias salvaxes, festas e manifestacións artísticas de distinta índole, que se mantén a meirande parte das veces grazas ao esforzo de veciños e veciñas e algún persoeiro local. Eu, dada a miña orixe soneirá, vinculeime afectivamente máis a esta parte do territorio, no val do río Grande.

Unha adolescencia efervescente

Daqueles días, que pronto deron paso á miña adolescencia, teño gratas lembranzas, vencelladas á miña idade naquel momento. Ansioso por descubrir e curiosear en todo, gocei de todo canto ofrecía este territorio, pero sobre todo da xente de Baio, Laxe e Vimianzo, principalmente (onde estaba espallada a miña familia), así como tamén da xente de localidades veciñas, coas que sempre me sentín moi ben querido e arroupado. As múltiples festas locais, que nunca faltaron, contribuíron a esas gratas lembranzas. As de San Cristovo e as patronais de setembro en Baio, pero tamén as de Laxe ou as de Ponteceso, sen deixar de mencionar as tradicionais romarías do Carme do Briño ou a de San Fins de Castro en Cabana de Bergantiños, deixaron algúns engramas no meu cerebro, que era o dun adolescente en plena efervescencia.

Un proxecto plurianual de desenvolvemento socioeconómico e cultural

O castro de Borneiro estaba aínda baixo terra, cuberto de maleza. Nunca imaxinei como realmente era ata que Ana Romero o sacou á luz. Pola súa banda, o dolmen de Dombate, lugar que tantas veces visitei, deixábase ver apenas un metro, e estaba en pésimo estado de conservación e abandono, ata que empezou a ser escavado por Xosé María Bello e introducido en distintos plans de protección das súas pinturas e de recuperación impulsados pola Deputación Provincial. A súa posta en valor para a zona, tanto do Castro de Borneiro como do Dolmen, unido ao elevado número de igrexas e arte sacro que se espalla por todo o territorio, tiña que declararse obxectivo prioritario de protección cultural, incluíndo un proxecto plurianual de desenvolvemento socioeconómico, artístico e cultural, por tratarse das máis importantes referencias culturais e megalíticas da Costa da Morte.

Se visitades Stonehenge no Reino Unido, atoparedes un exemplo de protección megalítica que forma hoxe parte do Patrimonio da Humanidade, sen que teña grandes diferenzas coa riqueza patrimonial da Costa da Morte, pero si co seu modo de xestión.