«En Suíza non hai tanto traballo como a xente pensa»

S. G. carballo / la voz

CARBALLO

14 ago 2014 . Actualizado a las 09:54 h.

José Manuel López Castro (Cabovilaño-A Laracha) leva dende 1971 emigrado en Suíza. Primeiro, en Friburgo, e logo, dende 1977, en Xenebra. Sempre se dedicou á hostalería, e durante 16 anos, ata febreiro deste (cando o traspasou), foi o dono do restaurante Alfredo, no centro da cidade. Levaba nel dende 1988.

José foi moitos tempo presidente da Irmandade Galega en Xenebra, un dos centros galegos destacados da cidade e de Suíza. Un lugar que permite estar ao tanto día a día do que ocorre coa comunidade galega. Agora prepara xa a xubilación en Galicia, a final de ano.

-¿Como están as cousas en Suíza?

-A situación é complicada. Non hai tanto traballo como a xente pensa. A vivenda é moi cara. As cousas non son o que eran. Se quedas sen traballo con máis de 50 anos é moi difícil atopar algo nas mesmas condicións. E, ademais, en Xenebra o paro é máis alto ca no resto do país.

-Pero moitos galegos volveron para aí.

-Moitos, si, pero moitos tamén buscaron e non atoparon nada. Tiveron sorte os que regresaron co mesmo patrón, por exemplo. Eu vía no local moitísimas xente que chegaba buscando. Xente soa, matrimonios... Moitos viñeron mal informados. E por riba este ano as normas de inmigración complicáronse.

-Non é a Suíza dos seus tempos.

-Claro que non. Para min foi a peor. En temas de seguridade, por exemplo.