Mallas, ademais dun pobo moi unido de Duio e -como bromea un amigo meu- unha civilización que reinou en Centroamérica e facía moitos profecías, é un termo que aos rapaces de agora, diría que incluso aos do pasado decenio, vaille sonar máis raro que as siglas EXB, tecnicismo que xa queda asociado a millóns de vidas durante moito tempo.
Tamén as mallas o eran. Foron as primeiras en caer, ao tradicional, nos cultivos do verán. Aínda hai quen apaña as patacas (castañas) co sacho de sempre, e quen arrinca as fabas e as malla (outra) coa forcada, e logo pasa as vainas unha a unha ata que non quede nada na ramada.
Pero a malla do trigo xa só se conserva nalgunhas memorias ou en pequenos museos como o que Fonteboa ten no seu centro de Coristanco, onde hai unha trilladora que foi das que empezaron a acabar con outras maneiras máis rústicas de sacar o gran, ata que á súa vez pasaron a historia cando empezaron a chegar aquelas enormes segadoras como antes só se vían nas películas de Kentucky.
Mallas manuais, de trigo e orxo. Lembreime delas, primeiro, hai uns días en Sevilla, cando vin que os cabalos dos coches para turistas xa non defecan na rúa, alí polo barrio de Santa Cruz, na beira da catedral, no mellor do centro. Nunca o entendera: con aquel calor, o cheiro expandíase case ata o río. Agora levan unhas bolsas engadidas detrás e aí vai o que ten que ir. ¿Como non o facían antes? Iso xa o inventáramos outros. Aos cativos tocábanos andar detrás das vacas que pisaban o trigo (e o orxo), e se erguían o rabo, sinal do que ía pasar, tocaba colocalo ben para non manchar o cereal. Cousas da intrahistoria poucas veces contadas das eiras en xullo.
E lembreime, segundo, agora que xa non é que non haxa mallas. É que nin o trigo nin o orxo. Nin o centeo sequera. E, si, correr entre aqueles campos de poucos ferrados, nos que medraban as papoulas e se espantaban as parellas de rulas, e picaban as espigas nos brazos, era un desafogo de liberdade que, aínda que a memoria todo o tamiza para mellor, sempre se añora.