A Rosalía máis presente

CARBALLO

Os pequenos, onte pola tarde, na ludoteca de Carballo, aprendendo sobre Rosalía.
Os pequenos, onte pola tarde, na ludoteca de Carballo, aprendendo sobre Rosalía. casal< / span>

A autora foi lembrada en varias localidades da Costa da Morte

25 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Nun día coma o de onte, Rosalía de Castro tería cumprido 177 anos. Polo simbolismo da data ten proposto a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que se declare o 24 de febreiro como Día de Rosalía e, seguindo esta idea, xa o BNG ten presentado mocións aos plenos de diferentes concellos galegos. En Carballo, dixo onte o alcalde, Evencio Ferrero, así se declarou na pasada sesión. A capital de Bergantiños foi unha das vilas que máis celebrou a efeméride na zona, mais non a única.

Houbo actividades nos centros escolares. Por exemplo, no instituto Alfredo Brañas, onde mestres e alumnos recitaron a Rosalía en varios idiomas. Tamén no colexio carballés Xesús San Luís Romero: alí, todos os rapaces do centro fixeron un gran mural nas paredes do patio cuberto. Mentres, na ludoteca, os máis novos coñeceron as «trasnadas» da nena-autora.

Lembranza do BNG

Tamén houbo arte a outra escala, desta volta no Fórum de Carballo. Ata alí se desprazaron onte Ferrero e boa parte do seu equipo de goberno (Milagros Lantes, Luís Lamas, Marcos Trigo ou Xosé Regueira, por exemplo), ademais da responsable de política municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e o portavoz nacional do partido, Xavier Vence. Do lado artístico, estaban Mon Lendoiro e Miguel Anxo Calvo, O?Mighelo, que elaboraron cadanseu retrato da autora de Follas Novas ou de Cantares Gallegos. Vence mesmo se animou a dar algunha que outra pincelada. Mentres os dos artistas non deixaban o seu labor, Ferrero lembrou, como anécdota, que cando seu pai, de terras zamoranas, dicía aquilo de «Viajeros al tren y los gallegos también», el respondía con aquilo de Castellanos de Castilla, tratade ben ós gallegos... Son uns coñecidos versos de Rosalía que, asegurou, supuxeron para el o comezo do seu achegamento á obra «dunha autora que aínda ten moitas páxinas por facer». O alcalde definiu á autora como «moderna, creativa, innovadora e capaz de facerlle reflexionar á sociedade sobre o que tiña que reflexionar».

Sanmartín tomoulle a palabra ao alcalde co desexo de «trasladarlle a toda a cidadanía Galega que Rosalía está viva, nas súas palabras e na súa obra». Dela destacou o compromiso cunha lingua, o galego, «que tampouco hoxe está tendo o apoio que merece», e sempre ao lado da clase traballadora. Tampouco Vence escatimou en gabanzas para autora: «Fundadora da Galicia moderna», «motivo de orgullo para este país», «a nosa mellor carta de presentación», «piar básico para recuperar a nosa cultura e a nosa lingua», «muller comprometida e adiantada ao seu tempo, profundamente moderna e avanzada, un exemplo aínda hoxe para as mulleres do mundo, cunha obra universal que aínda segue espertando sentimentos». Foron algunhas das palabras do voceiro nacional do BNG, quen tamén destacou a vixencia que aínda ten hoxe a mensaxe social de Rosalía, nun 2014 no que «temos un modelo de Estado que oprime a Galicia e busca a recentralización». Vence tamén se amosou crítico coa Xunta: «Este é o primeiro ano que deixa a Rosalía fóra do curso escolar, cando xa tiña un sitio feito no noso sistema educativo».