No primeiro día de clase, ademais das clásicas presentacións, hai unha pregunta que non pode faltar: ¿por que queres estudar idiomas? Razóns, é evidente que non faltan, pero atrancos, si. Aprender linguas estranxeiras era unha necesidade obviada, unha tarefa pendente, un «este ano apúntome a unha academia» ou «algo xa me defendo». Pero coa crise, a demanda de expresarse en estranxeiro chegou a niveis imprevistos. Tanto que centos de persoas en Carballo e a súa contorna quedan privados dunha oportunidade imprescindible.
Aprender nunha Escola Oficial de Idiomas pouco ten que ver coas academias convencionais. Nin que dicir ten, que xa por ser un centro educativo público merece toda a confianza e respecto aos profesionais docentes que imparten as materias. Cada mestre é un mundo, certo. Pero pola miña experiencia certifico que tes o garante durante todo un ano dun profesor ao que consultarlle as túas dúbidas, uns alumnos cos que poder practicar o idioma tanto falado como escrito e, por que non dicilo, é economicamente moito máis apetecible. Botando contas, as clases saen a pouco máis de dez euros por mes.
A todo isto hai que engadirlle que é unha Escola Oficial, que polo tanto acreditará os teus coñecementos ao final de curso cun diploma certificado e adaptado aos niveis europeos. No meu caso, vou polo intermedio intensivo (B2) de portugués na EOI de Compostela. Xa mellor nin falo da ignorancia de non ter a opción de estudar este idioma en todas as escolas de Galicia, xa non só nas oficiais. Ese é outro asunto, para o queda lonxe solución, pero eu para o caso de Carballo quero botar unha idea. Se a culpa de non haber prazas é de espazo, para o ano que vén suxírolles uns bunk desks (para os que quedaron fóra da EOI, mesas liteira. Unha mesa enriba doutra, and happy tout il mondo.