Vimianzo volve á senda cultural

Á. P. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

O teatro abre unha programación que rematará en xuño con cor local

29 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A longa resaca navideña acaba de tocar ao seu fin en Vimianzo e o Concello xa ten perfilado o programa de actividades culturais que durante os próximos meses volverá a converter o auditorio da localidade nunha cita obrigada da fin de semana para os veciños da localidade e tamén dos municipios próximos.

Cinco meses, cada un deles centrado nun eido concreto, integran un programa presentado baixo o lema de Compartimos contigo cultura e que dará comezo xa este domingo (ás 20.00 horas) co dúo Mofa e Befa e a súa divertida Cociña económica. Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira abrirán así O mes do teatro, no que tamén participarán as compañías Andaravía, Malasombra e Tangatutanga.

Marzo será O mes das contadas e permitirá gozar das historias de catro narradores de primeira fila: Luma Gómez, Paula Carballeira, Evaristo Calvo -esta vez sen compañía- e Cándido Pazó. Abril, O mes da república da liberdade, alternará o teatro (coas compañías NNC e Trus) coa música portuguesa, e maio, O mes das letras, arrincará cos pequenos intérpretes da Fundación Pondal homenaxeando a Rosalía de Castro e rematará coa gala de presentación da próxima edición do Asalto ao Castelo.

O mes do noso, xuño, estará dedicado aos distintos grupos de teatro do municipio, aínda que tamén haberá tempo para os alumnos da escola de danza.

Como é habitual en Vimianzo, a práctica totalidade das citas do programa celebraranse os domingos pola tarde (ás 20.00 horas) e a entrada será gratuíta.

cinco meses de actividades