Malpica é o corazón mariñeiro de Pumar Gándara

Eduardo Parga

CARBALLO

Agradecemos que don Xosé Pumar Gándara compartise con todos os malpicáns o seu precioso libro Viaxe polo corazón de Bergantiños. Acollémolo na Casa do Pescador con dous bos padriños: o historiador Xelucho Abella Chouciño e o filólogo Xosé Manuel Varela.

Para o Concello foi unha honra programar a súa presentación dado que as terras malpicás forman parte do «corazón» do libro. Cando o lector-viaxeiro percorre as terras de Bergantiños, no miolo do volume, pasa por varias das nosas parroquias, encóntrase coas nosas terras medievais, labregas, oleiras e mariñeiras. Agradecémoslle tan estratéxica e honorífica distinción.

Desde o goberno municipal non sabemos como pagarlle a Xosé Pumar todo o cariño con que describe as terras malpicás. Os parágrafos dedicados a Malpica son dos máis poéticos e emocionantes do libro. Recomendamos a lectura das primeiras liñas dedicadas á nosa vila. Un escritor que describe desta maneira un territorio, afirmamos con toda seguridade que para el este territorio forma parte imprescindible da súa vida. Malpica de Bergantiños é o corazón mariñeiro de Xosé Pumar Gándara.

Fanse necesarias olladas desde fóra como esta que nos ofrece aquí Xosé Pumar. Na súa Viaxe recolle a esencia de Malpica de Bergantiños e avísanos que non deixemos perder estes sinais de identidade.

Aquí están descritas as parroquias de Buño, Leiloio, Cambre, Cerqueda, Malpica, Mens. O noso patrimonio arquitectónico (igrexas, torres, museos, dolmens). As nosas tradicións de entroido, romarías e festas. A nosa música, desde a tradicional das vellas pandereteiras de Mens, pasando polas novas cantareiras, ata a voz culta de Gloria Pardines. Saliéntanse persoeiros como Villar Amigo, Urbano Lugrís, Varela de Limia, Benito Cambón ou Andrés Mourente, entre moitos outros. Tampouco podía faltar a olaría de Buño e tamén a nosa forma de falar: «Sempre din o mar en masculino».

Este libro é un compromiso individual dun escritor dubrés afincado en Carballo a prol do desenvolvemento turístico tanto da comarca de Bergantiños, en xeral, como de Malpica de Bergantiños, en particular. Desde o mes de agosto, grazas a Viaxe polo corazón de Bergantiños, Malpica está nas librarías de toda Galicia. É unha boa publicidade para que xente doutros lugares nos veña a coñecer. A nosa libraría local tamén ten este libro no seu escaparate desde hai meses. Seguro que moitos malpicáns o mercaron xa para súa lectura e disfrute.

Esta aposta turística individual de Viaxe polo corazón de Bergantiños vén coincidir co labor de divulgación que está a levar a cabo o Concello. Aínda non hai moitos días que presentamos dous proxectos que nos darán a coñecer cada vez máis. Mar de Sisargas e a recuperación da Croa do Castro de Cerqueda. Ambas iniciativas, sumadas ás estratexias de dinamización turística que desenvolvemos ó longo do ano, serven para converternos nun concello atractivo na Costa da Morte.

Rematamos agradecéndolle de novo a don Xosé Pumar que esta Malpica mariñeira forme parte indispensable do seu corazón de escritor e de investigador. ¡Diolopague!, como el di no libro.