Ocorría esta fin de semana en Madrid, na praza de Isabel II, a que lle chaman da Ópera, no centro. Unha empresa panadeira de Lugo instalou alí unha réplica en fibra de vidro do hórreo de Carnota, algo máis pequeno (12 metros), e aproveitou para repartir os seus doces e empanadas. Tal foi o éxito que seica os veciños da zona non queren que a saquen de alí. Se cadra é porque algúns pensan que as roscas saen dos cabazos. Madia levaba: do millo á mesa sen moer nin cocer nin nada. ¿Non din por aí que algúns nenos cren que os ovos nacen no supermercado? Pois se cadra os seus pais opinan que pola porta dos hórreos galegos saen os moletes sós.

Pero supoñamos que os madrileños coñecen ben o proceso e queren a réplica polo valor arquitectónico. Por como queda. Ese perfil, froitos de séculos. Un cabazo ten algo de Pedra de Abalar, os golpes do tempo fórono domesticando. Normal que os namoren. Bo contrapunto para esa praza castiza e cosmopolita ao tempo.

Pero se os madrileños queren ver un bonito, pequeno, humilde e con historia, deberían de darse unha volta polo barrio do Pilar. Tamén humilde. Alí, na praza de Corcubión, un pouquiño agochada, pegada á de Carballo, a poucos metros da avenida Finisterre, está o cabazo que no 73 levaran precisamente dende a vila de San Marcos, e que montaron pedra a pedra. Alí segue tras 41 anos, agora un pouco esquecido, con algúns danos, sempre pechado, rodeado de coches a todas horas, veciño cotián para os habitantes da zona, pero que sorprende aos que pasan por alí por primeira vez. Recomendo facelo un sábado pola tarde: tranquilidade total. Así debía de ser naqueles primeiros setenta, cando o Concello llo comprara a Manuel Rojo para entregalo na capital, dous canteiros desmontárono no Campo do Rollo e aló se foron.

Moi cerca, nun solar baleiro, fixeron unha horta ecolóxica. Pena de millo, para poder apañalo e botalo dentro. Se o hórreo falara, choraría.