Émoi recomendable botarlle un ollo á páxina www.carballonamemoria.org. Todos: carballeses que queren lembrar o que non hai tanto era esta vila, veciños recentes, visitantes esporádicos, curiosos da historia da bisbarra, ou aprendices de urbanistas (incluso urbanitas) para saber o que non hai que facer. Aínda custa entender como se puideron botar abaixo edificios fermosos e racionais, ou desfacer rúas con casas homoxéneas en frontes e alturas, sen necesidade de máis plan xeral que o do sentido común. Espazos verdes, árbores, crecemento natural dos barrios... Todo o o que era e non foi, e aínda menos mal onde se parou. Non todo é nostalxia: esas imaxes tamén serven para explorar un pasado rural ou desértico a cinco minutos do centro que hoxe ferve de actividade. Tamén crecemento natural, pero sen rachar co que había.
O exemplo de Carballo, en maior ou menor medida, pode aplicarse a outros pobos da zona, sobre todo aos mariñeiros. Resulta tamén incomprensible que aqueles deseños diáfanos de lugares que miran ao mar dende hai séculos se desfixeran por culpa dun desenvolvemento caótico sen sentido, provocado polas chegadas cíclicas de cartos, xa fose porque aparecían cantís de peixe, chegasen remesas da emigración ou o do lado quixese imitar ao veciño, a ver quen lle botaba máis sobrados.
Pero, ollo, ademais da desaparición das liñas urbanas, asistimos a outra morte lenta da que as veces non nos decatamos. En moitas parroquias, por unha mellora mal entendida, non é infrecuente tirar con todo para abrir pistas que levan a ningunha parte, desfacendo camiños centenarios con valados que parecen obras artesás, e que tantos meses e anos lles levou erguer aos nosos devanceiros. E con eles vanse carballos, castiñeiros, pinos, acivros e pegadas que marcaron a nosa infancia e posiblemente tamén a dos nosos avós e bisavós. É outra maneira de destrución, unha máis.