«Cee ten que liderar o comercio da comarca»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

Roberto González Rigaut, secretario da asociación.
Roberto González Rigaut, secretario da asociación. m. rodríguez< / span>

A entidade abre hoxe no polideportivo a feira de oportunidades con 36 postos

16 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación de Empresarios Costa da Morte de Cee abre hoxe a súa quinta Feira de Oportunidades que trata de darlle novos pulos ao comercio local nun momento de moitas dificultades para todo o sector. O secretario da entidade, Roberto González Rigaut, ten moi boas expectativas en canto ao éxito da convocatoria e o impacto que poida supor en canto á consolidación do tecido comercial local.

-¿Cantos comerciantes vai haber na feira e de onde?

-Son un total de 36 postos, uns oito ou 10 máis que o ano pasado. Maiormente pertencen a comercios de Cee aínda que os hai tamén de outros puntos da bisbarra, sobre todo porque a nosa entidade sempre tivo unha vocación de alcance comarcal. Están representados un pouco todos os sectores: roupa, calzado, complementos, regalos, xoiería, informática, libraría, óptica, fogar,...

-¿Que utilidade teñen este tipo de convocatorias?

-Nós pensamos que teñen que valer para involucrar a todos os profesionais e dinamizar o sector do comercio en Cee que, como en todos os sitios, non está a pasar polo seu mellor momento. As dificultades son moitas, especialmente para os traballadores autónomos, e cremos que estas medidas pódennos valer un pouco para loitar contra a depresión.

-¿Qué papel ten Cee dentro do tecido comercial da comarca?

-Cee sempre tivo esa función preeminente como cabeceira comercial posta ao servizo de toda a comarca e como punto de referencia. Hai que darse conta que nun municipio con algo más de 7.000 habitantes dispomos de espazos comerciais, tanto grandes áreas como negocios pequenos, para atender a unhas 70.000 persoas. Entón, o noso papel debe ser o de seguir liderando o sector.

-¿É entón o comercio a principal vía de riqueza económica á que pode aspirar Cee?

-O comercio e a industria. Non podemos esquecer que Cee tamén é o principal polo de produción industrial da comarca e ten expectativas de crecemento, incluso con proxectos moi concretos. Penso que debemos aspirar a seguir sendo un pobo de prestación de servizos para toda a zona e de aí que iniciativas coma esta e todo o que fagamos para implicar canto máis mellor aos representantes dos distintos sectores e aos profesionais que traballan neles menos difícil nos resultará saír adiante nuns momentos tan complexos como os actuais.

roberto gonzález secretario da asociación de empresarios costa da morte