A necesidade de mellorar a estrada Baio-Baíñas

Alfonso Villar TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

Imaxe do accidente en Olveira.
Imaxe do accidente en Olveira. M. R.< / span>

Ovenres as estradas da comarca cobráronse unha vida máis, un home de 52 anos de Miño que deixa unha familia desfeita. Vaia por diante, antes de nada, que esta reflexión non é para cargar unha vítima sobre ninguén, senón para pensar na seguridade viaria de todos os usuarios.

Ao meu modesto entender, co accidente que se produciu na estrada de Olveiroa-Baíñas, hai que ver as características da vía: a curva perigosa e a superficie de rodaxe estreita incidiron na colisión, independentemente das manobras e circunstancias. Dous vehículos pesados encóntranse nunha curva perigosa e estreita. Descoñezo os criterios que fixa Tráfico para determinar os tramos de concentración de accidentes, chamados puntos negros, pero neste lugar en menos de seis anos van tres mortos.

Varios colectivos sociais, e en especial a Plataforma para a Mellora da Estrada Baio-Baíñas-Olveiroa, da que son portavoz, levamos anos denunciando, ante a Xunta, Deputación e Administracións locais unha estrada que non deixou de ser unha pista da parcelaria, e que agora intercomunica a tres comarcas con máis de 33.000 habitantes (Soneira-Xallas-Fisterra). Polo que respecta ao tramo de Vimianzo, trátase dunha infraestrutura caduca sen modificacións no trazado, nin investimentos, só rebacheos, en máis de 40 anos. É unha estrada que soporta un trafico que vai a máis con tráfico pesado que agrava a seguridade vial a peóns e condutores. As reivindicacións iniciáronse no 2004, tempos das vacas gordas, nos que había cartos e primaban a grandes obras, aeroportos baleiros, cidades da cultura inacabadas, autovías baleiras...

Daquela non tocaba para obras menores. Seguramente haberá por toda Galicia do interior, polas características de dispersión da poboación, estradas coma esta que denunciamos, que estarán nalgún caixón do esquecemento, á espera de tempos mellores, porque a escusa de agora é que non hai cartos. As estatísticas de tráfico son claras, informan de que unha porcentaxe moi alta de accidentes graves con vítimas estanse a producir en desprazamentos curtos e en vías de ámbito local e comarcal. Esta estrada non ten arcéns, malia atravesar oito núcleos. E tampouco hai sinalización vertical nin horizontal.