«A Costa da Morte máis que un territorio é unha forma de vivir»

Juan Ventura Lado Alvela
juan ventura lado CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O artista, que leva 12 anos en Carballo, expón a súa obra na Coruña

12 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O pintor e médico da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo, Alfonso Caparrós Esperante (1956), naceu na Coruña e vive en Oleiros, pero síntese nativo de Fisterra, como el mesmo explica, porque é alí onde pasa boa parte do seu tempo de ocio e onde atopa os materiais desbotados polo mar que converte en composición artísticas que mesturan escultura e pintura. Agora que acaba de inaugurar unha exposición xunto coa polaca Gosia Trebacz na galería Monty4 de A Coruña reflexiona sobre o seu traballo, que ten o mar e a Costa da Morte como fío condutor.

-¿Como explicaría as súas intervencións artísticas? ¿Son os materiais os que lle suxiren a obra ou prefire sometelos?

-Eu vou ás praias, fundamentalmente a Langosteira, en Fisterra, e collo madeiros e elementos que están por aí abandonados, aos que a xente non lles dá valor ningún, pero que eu penso que se poden reciclar e revivilos por dicilo de algunha maneira. Realmente é o mar quen os esculpe, e eu píntoos. Hai pezas que mesturo, modifícoas, pero normalmente trato de que o material quede como está.

-¿Que relación hai entre a súa obra e o territorio no que vive?

-Para min a Costa da Morte é a alma de todo o que fago. Esta terra ten algo de pirata, e eu, en parte, considérome como tal, pero realmente máis que un territorio trátase dunha forma de vivir, nun sitio que non debemos esquecer que a metade é terra e a outra mar.

-¿De onde sae ese compoñente do seu traballo que recorda tanto ao mundo dos soños?

-É ilusión, fantasía que ten moito que ver coa mente dos nenos, con coller unha cousa que está tirada na area, que a xente pasa por diante dela sen darlle valor ningún, e ver que iso é unha balea ou un ollomol. Non se trata de facer unha balea, porque non busco ser un perfeccionista nin un hiperrealista, senón que ti, o que mira a peza, vexa unha balea e que entenda que algo sen valor aparente pode encerrar moita beleza. A pintura consiste en buscar o que ti queres atopar e traballas continuamente para iso.

-¿Como se compaxina esta actividade coa medicina?

-Son dúas dimensións distintas da miña vida. Como médico trato de ser profesional, estudio, investigo e sobre respecto moito aos meus pacientes e eles a min. Iso dáme moitas satisfaccións, pero despois está a outra parte que é a da pintura, que nunca me preocupei moito por dar a coñecer, pero que tamén me gusta que, cando morra, se alguén me ten que recordar por algo, sexa por iso.

-¿En que situación se atopa agora a profesión médica?

-Penso que se está desvirtuando totalmente. Cando empecei nisto eu sentía que facía un labor importante, destinado sobre todo a resolver problemas da xente. Agora, aínda que non é o meu caso porque os pacientes que atendo son crónicos e manteño unha moi boa relación con eles, os médicos están queimados, nin se valoran, nin se respectan. É un traballo para o que fai falta moita dedicación e a maior parte dos profesionais manteñen un compromiso especial coa xente. Non se trata de o que médico teña que ser Deus. É unha persoa que está aí para axudar e eu creo que debe ter un mínimo de recoñecemento.

alfonso caparrós esperante pintor e médico