«Durante o 2011 tiráronse máis de 50 edificacións ilegais»

cristina abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

As resolucións poden tardar anos, pero ao final chegan, asegura

12 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

José María Domínguez Blanco, subdirector da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), foi un dos primeiros poñentes na Xornada Empresarial organizada por Axober. Onte falouse da Directiva de Servizos, de prevención de riscos laborais e, no seu caso, de reposición da legalidade urbanística en obras sen licenza ou autorización autonómica, un asunto de plena actualidade por procesos como o de regularización de naves industriais ou o de demolición dunha vivenda en Anllóns (Ponteceso).

-¿Cales son as competencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística?

-Calquera infracción urbanística que se cometa no territorio de Galicia en solo rústico é competencia da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, e tamén noutro tipo de solos cando os concellos que están adheridos á APLU lle ceden competencias.

-A APLU creouse no 2008. ¿Cal é o balance da súa actividade?

-Os resultados dende a súa constitución foron incrementándose, de tal xeito que dende o ano 2008 impuxéronse doce millóns de euros en sancións e durante o ano 2010 derrubáronse máis de cincuenta edificacións ilegais en toda a comunidade. O que estamos notando é que cada vez son máis as demolicións voluntarias que fan os responsables. Nestes dous últimos anos aumentaron un 130 % con respecto aos anteriores.

-¿Cales son as infraccións máis frecuentes?

-Vivendas unifamiliares e naves industriais en solo rústico, sobre todo de protección ordinaria. Pero tamén nos atopamos con parcelacións ilegais para vivendas en solo rústico de protección de espazos naturais, de protección de costas, onde a infracción é moito máis gravosa. A sanción mínima é de 60.000 euros e a máxima, dun millón de euros, e hai moitas de 333.000 euros, o que implica que a infracción é moi grave.

-¿Aumentaron os expedientes de regularización de naves dende que o permite a lei?

-Están chegando a contagotas. Hai que ter en conta que a transitoria terceira só se refire a expedientes anteriores ao 1 de xaneiro do 2003, naves totalmente terminadas e que non tiveran ningún expediente de infracción. Non é certo iso que se transmitiu de manga ancha, de que todo o mundo se pode adaptar; en realidade é pouca xente.

-Popularmente hai o dito de que ao final nunca se tira nada.

-É certo que se comenta iso, pero para nada é real. O que pasa é que ao mellor non se lle dá publicidade, pero os resultados están aí. Sabemos que é unha materia complicada, suxeita a moitas subxectividades persoais, porque tamén entendemos que para a xente que construíu unha nave ou unha casa cos aforros da súa vida é un trauma ter que tirala. Recibimos xente a cotío que á parte de tirar a súa edificación ten que facer fronte a unha sanción de 300.000 euros. É certo que poden pasar moitos anos, porque o noso sistema xudicial é moi garantista e prevé moitos recursos, de xeito que poden pasar moitos anos ata que hai unha resolución, pero a resolución vai chegar. Nós recomendámoslle á xente que se a edificación non ten solución o mellor é tirar voluntariamente, porque se evita sancións e multas coercitivas. Eu entendo que arruínas a unha familia, pero a lei é así,

hoxe

10.00 horas. Axudas para a creación e consolidación da empresa, a cargo de Norberto Penedo Rey, director da área de competitividade do Igape.

11.00 horas. Programa Leader Bergantiños 2007-2013: liñas de axuda para o desenvolvemento integral do territorio, con Alberto Martínez Pose, xerente da Asociación para o Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños.

12.00 horas. Taller de prevención de riscos laborais: traballos en altura.