Calidade, cantidade e continuidade

Luis García

CARBALLO

19 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ében entrado o século XVIII cando a pataca acada en Galicia certa importancia nalgunhas comarcas, para despois xeneralizarse o seu cultivo en toda a rexión. A difusión do cultivo da pataca en Galicia segue un proceso parecido ao de outras rexións de Europa Occidental de agricultura de subsistencia como Bretaña e Irlanda: a súa expansión prodúcese en momentos de dificultades para as familias do rural, contribuíndo a pataca a perfeccionar o policultivo e a reforzar o autoconsumo. No entanto, noutras rexións cunha agricultura máis avanzada, a pataca integrouse nun sistema agrario moi desenvolvido, contribuíndo a facelo aínda mais rendible e a especializalo, mentres que por estas latitudes seguimos nas dinámicas do autoconsumo e coa comercialización ocasional dos excedentes.

Dispoñemos dunhas condicións naturais favorables para o cultivo, unha tradición e un recoñecemento da calidade do produto, certificado incluso por una Indicación Xeográfica Protexida (Pataca de Galicia), pero as cantidades producidas son moi pouco relevantes desde o punto de vista comercial. Tres requisitos para entrar no mercado, tres ces: calidade do produto, cantidade e continuidade nos abastecementos. Ao día de hoxe só cumprimos o primeiro requisito; pois as cantidades son moi baixas e a garantía de abastecemento moi limitada. Nunha economía cada vez mais globalizada é necesario explorar tódolos segmentos de mercado e decidir en cal ou en cales nos imos situar.

Hoxe antes de producir hai que pensar en quen nos vai comprar a produción, idear novas canles de comercialización, que poden ser complementarias ás tradicionais, buscar alternativas. Así evitaríamos situacións anuais de boa colleita, pero que pola inexorable lei da oferta e a demanda, a comercialización resulta difícil e os prezos, por debaixo das expectativas. Procede, polo tanto, reflexionar, analizar a situación no seu contexto e innovar, para que a pataca sexa un elemento vertebrador da economía rural da comarca de Bergantiños e de Coristanco en particular.