Ola amigas e amigos do teatro! Vanse as bolboretas e chego eu, ¡digo!, chega o teatro. Porque si: xa pasou un ano desde a última representación do FIOT (Festival Internacional do Outono de Teatro, para os que os asomades aínda agora). O venres tivo lugar nas dependencias do Pazo de Cultura a presentación oficial do acontecemento; coa participación das distinguidas personalidades oficiais (Concello, Deputación, Xunta) e tamén do mundo empresarial (Sogama, Halley, Novacaixagalicia). E non son todos, faltaban moitos máis.
Abre o acto Alberto Sueiro, corazón do FIOT desde os seus comezos, e cóntanos que esta vai ser a 20.ª edición do festival (¡vinte anos, xa!), e que a liña argumental ou temática vai ser (este ano) o tempo (non o meteorolóxico).
O FIOT é xa un neno grande, un súper adolescente; mais desta vez vai estar apurado: corren malos tempos para a Lírica que diría Coppini, e a cultura sofre coma a que máis con esta crise. Pero por outra banda resulta que é o seu vixésimo aniversario, así que algo especial haberá que facer. Explica Sueiro que afortunadamente contamos cuns patrocinadores públicos e privados que apostan polo FIOT, malia que todos eles necesariamente teñen que apertarse o cinto. Insiste Alberto en clarificar que todo canto carto se recolle para o Festival, «vai directamente para a programación; non hai terceiras empresas que organicen, nin persoal a quen se lle pague». Hai que «axustarse ós tempos corren».
Haberá oito funcións moi selectas de sala no Pazo e tres OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado): unha sorte de teatro atípico, vangardista, case de arte e ensaio.
O FIOT conta ademais destas actuacións, co Concurso de Teatro Lido, auténtico berce das futuras xeracións de afeccionados ó teatro; e, como non, ca Rúa dos Contos. Explicar que este ano, a pesares das circunstancias económicas, haberá un reparto de persoeiros notables, entre os que se atopan Nuria Espert, no teatro de sala e Quico Cadaval, na Rúa dos contos.
Para quen non o saiba, Nuria Espert é o Messi ou Ronaldo das táboas en canto a actrices. Unha auténtica Señora dos Escenarios. Coincido con Alberto Sueiro en dicir que nunca soñaramos en Carballo que algún día fora a vir, ó noso pobo, unha das actrices máis sobranceiras do teatro español. Xunto con Leo Basi e Rafael Álvarez (El Brujo) fan subir moito o listón de persoeiros do teatro no FIOT, como nos recordaba o noso alcalde Evencio na súa intervención.
Botando unha ollada á programación, así por riba, coido que este ano vai haber unha boa colleita: a maiores de Nuria Espert (por certo dirixida polo mesmo que trouxo a exquisita obra La función por hacer, de grato recordo). Ademais, digo, veñen tamén Yllana (éxito seguro), que tamén cumpre 20 anos e que tamén nos teñen moito cariño: medraron con nós. O primeiro día (14 de outubro) vai Torvaldo Furioso: teatro-teatro. Unha compañía de marionetas de Porto, que representarán en portugués e inglés (xa acontecera outro ano). Un sorprendente Plecs (sorprendente porque todo está feito de papel, e cun estilo que se quere asemellar ó Circo do Sol). O Florido Pensil, estreado con moito éxito a semana pasada. E algunha outra proposta.
Mais antes que isto terá lugar a xa famosa Rúa dos Contos, selo identificativo e único do noso Festival en toda a Península. Cos mellores artesáns do sorriso como Paula Carballeira, Cándido Pazó?, pero onde a máxima estrela volve a ser Quico Cadaval.
Haberá dúas funcións de contacontos diarias, durante a semana anterior ó comezo do teatro de sala, nos distintos bares, cafeterías e tascas de costume de Carballo; como todos os anos. Este ano a primeira función é gratis, e a segunda custa 2,5 euros.
As entradas son máis caras, pero seguen sendo as que teñen mellor calidade/prezo de todo o panorama teatral, coido que de España. Algunhas desas mesmas obras custan o dobre na Coruña, por exemplo (pensade: Nuria Espert ¡por 15 euros en Carballo!) Para a semana poñeranse á venda os abonos no Pazo da Cultura. Pero se queredes máis información, recoméndovos que accedades á páxina web oficial do FIOT: www.fiot.org . Tamén en Facebook (fiot festivaloutonodeteatro), e nos lugares de Contacontos xa tedes os trípticos da programación da Rúa dos Contos.
Promete. Que o pasedes ben.