Este representante sindical destaca a importancia de planear os investimentos nas explotación e axustalos ás necesidades
27 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Óscar Pose coordina as 37 oficinas do sindicato Unións Agrarias en Galicia para cuestións técnicas como asesoramentos, seguros e proxectos. É da parroquia de Langueirón, en Ponteceso, pero traballa en Compostela, e onte estivo no espazo Voces do Agro, nos micrófonos de Radio Voz Bergantiños.
-¿Que son os plans de mellora?
-Todo o mundo que ten unha explotación sabe que son as axudas que temos ata o 2013, aínda que nós estamos convencidos de que van continuar máis alá. Estas subvencións convócanse todos os anos e financian ampliacións, melloras das explotacións e incorporación de xente moza.
-Este ano convocáronse en xuño.
-E rematou en xullo, pero o venres finalizará o prazo para que os que solicitaron axudas para a construción presenten as licencias de obra. Todos os que están pendentes, non é só que as reciban, senón que as teñen que presentar en rexistro antes do venres ou terán que agardar á seguinte convocatoria.
-O das licencias de obra non é un tema menor.
-Non, aquí nin no resto de Galicia, onde temos problemas nos concellos, con retrasos importantes. Pasa o mesmo con Medio Ambiente ou con Patrimonio. Iso condiciona as obras e é interesante que os plans de mellora non se fagan no mesmo ano. É importante que se pense o que se quere facer. Un plan de mellora non se debe improvisar. Hai que pedir a licenza con antelación para evitar sustos de última hora como está a acontecer estes días. Tamén hai que ser previsores co resto das inversións, hai que facer un estudo do que realmente se necesita nunha explotación. Nestas axudas vemos que, a nivel de maquinaria, non se solicita o que fai falla.
-¿Como están os prezos do leite?
-É a batalla de sempre. Na actualidade hai unha situación moito máis complicada se cabe. Levamos dous anos cos prezos máis baixos da Unión Europea. Este ano incrementouse o problema co aumento dos custes de produción pola seca. A media en Galicia é de 30 céntimos, cando noutras comunidades está tres e catro céntimos por encima.
-¿Cal é a situación dos contratos lácteos?
-Estamos na recta final, nun momento moi importante porque despois de moito traballar xa está lista a normativa a nivel de España para a posta en marcha dos contratos, polo que só estamos pendentes da europea, que será publicada a finais de ano. É certo que falta a figura do mediador e das sancións para as industrias que incumpran os contratos, pero agardamos que estea todo listo a principios do 2012.
óscar Pose secretario de servizos de Unións Agrarias