A mesma pedra do século XIX

Farruco Graña

CARBALLO

09 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Afinais do século XIX e comezos do XX as comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra tiveron un soño: o tren dos 3CCC (A Coruña, Carballo, Corcubión). Todo o país estamos inmersos agora nun novo soño ferroviario. Tal e como a autoestrada do Atlántico, e posteriormente as autovías, supuxeron a vertebración socioeconómica do país, tamén o AVE ha dar un novo impulso ao noso desenvolvemento económico e social. Entre Carballo e A Coruña segue a configurarse un importante polo industrial que vai xerar un considerábel movemento de persoas e mercadorías que, coa apertura do porto exterior, aínda se vai incrementar máis. É certo que nestes momentos a sensación de crise conxela calquera percepción da actividade económica. Pero hai que pensar nos novos tempos e irse preparando para non chegar tarde a eles.

A finais do século XIX, Galicia non soubo xogar as súas bazas para se incorporar ao tren do progreso. Agora, a comezos do século XXI, de novo o noso país se ve abocado a unha situación crítica. Moito máis tarde ca outros (non así os nosos impostos: tan puntuais como os dos demais), pero á fin semellaba que o AVE ía estar listo ao longo dos anos dez. Así o acordaron no Pacto do Obradoiro PP e PSOE. Que os dous partidos maioritarios selaran tal acordo parecería dar garantías de suficiente peso político específico para defender o AVE (cousa que nos faltou hai uns cen anos). Pero logo se encargaron uns e outros de andar en leas por puro interese político partidario.

Negar o esforzo inversor do ministerio de Fomento no AVE galego nos últimos anos sería absurdo. Pero fiar o futuro do mesmo á palabra dun ministro, de pouca madurez; por moi galego que sexa. Agora ben, deixalo todo en mans dun hipotético goberno amigo sería infantil e ademais supoñería tropezar dúas veces coa mesma pedra. Lembremos o ano 1996 e seguintes. A vitoria de Aznar víase cantada. Pero ao remate? catalán na intimidade. E quen sabe, ao mellor igual nesta ocasión se pecha o pacto tamén cun culín. ¡A Esperanza Aguirre dis que lle gusta moito a sidra!

Soan ventos hipócritas criticando as inversións no AVE galego por non ser rendíbeis. Desde logo, quen o critica é porque pensa no Mediterráneo. O mesmiño que cando as autovías. A maior abondamento, a reforma exprés e a dous da Constitución tamén podería supoñer unha traba máis no desenvolvemento das obras; igual algúns se ven tentados a empregar tal argumento para retraer fondos do AVE galego (por consideralo deficitario) ou modificar á baixa os proxectos iniciais.

Volver fialo todo ao goberno amigo supoñería un erro enorme que nos deixaría de novo sen peso político específico. E sería ademais dobremente amargo por tropezar dúas veces coa mesma pedra, como en 1996. Pensemos que temos que sacar o país adiante nós mesmos, non agardar que outros o poñan a andar por seren amigos nosos.