Este ano o éxito está asegurado nas festas patronais de Fisterra. A perfecta conxunción, case astrolóxica, entre confraría, Concellería de Cultura e diferentes asociacións, sumado a xenerosa colaboración dos veciños, deu como resultado un programa festeiro que ben o quixeran para si, xa non digo os demais pobos da Costa da Morte, algunha importante cidade de Galicia. Afamadas orquestras de recoñecido prestixio mundial, tales como a Mondragón, a Topolino, a de Xabier Cugat, ou a Filármónica de Viena, amenizaran as noites no peirao de Fisterra, pero o máis sorprendente deste ano será o concerto que ofrecerá o famoso cantante Manu Chau, que actuará no campo de fútbol Ara Solis, e o que se poderá asistir por un módico precio de 15 euros.
Chama a atención entre as actividades programadas a recuperación dos simpáticos cabezudos de antano, que acompañados polo gaiteiro Carlos Núñez percorrerán, para ledicia de vellos e nenos, as rúas e os carrexos da vila, e destacan tamén os importantes premios en metálico que acadaran os que se atrevan a participar nos tradicionais xogos populares rescatados do baúl dos recordos pola comisión, como a carreira de sacos, a regata de botes cos ollos tapados, a captura do porco e do pato, o pau de sebo, o tiro de corda de fracas contra gordas e un trofeo triangular de fútbol sala entre casados, solteiros e divorciados para o que se acondicionaran unhas porterías no peirao.
Ante esta suxestiva programación, este ano os fisterráns estamos ansiosos porque cheguen as festas. Existe unha enorme expectación por coñecer cal será o barco que leve á Virxe do Carme na procesión marítima, pero non se saberá ata a mesma véspera na que dende o palco da festa se faga unha pública poxa. Hai uns meses, nunha reunión celebrada nas oficinas do cabido, chegouse a ese acordo, así como tamén consensuouse que todos os barcos acompañarían a Virxe na procesión, excepto un, que se declarou partidario de facer as festas en agosto. Ademais das embarcacións fisterrás, asistirán a tan importante manifestación relixiosa os barcos de Salvamento Mirfak e Altair, o remolcador Don Inda, o avión Sasemar 102, e o helicóptero Helimer, así como a fragata Blas del Lezo, quedando por confirmar a chegada dun submarino da Armada con base en Ferrol, todos eles serán acompañados polas coñecidas bandas da confraría, do Concello, e a parroquial de Santa María.
A tradicional misa que en honor á patroa dos mariñeiros realízase na lonxa será este ano sorprendentemente oficiada, ademais de polo párroco de Fisterra, polos clérigos titulares de San Mamede de Carnota, Buxantes, Caión, Muxía, Ponteceso, Brantuas, Baio, Rianxo e Poboa do Caramiñal, localidades que tamén están de festa nestas datas, pero que, lamentablemente e debido a crise, decidiron suspendelas este ano.
Non faltarán tampouco os concursos de todo tipo para os máis pequenos así como unha compañía de teatro para nenos ca que os rapaces poderán interactuar mentres agardan a que lle toque a quenda nalgún dos xogos de Superinfantilandia.
Outra novidade, e que posiblemente acabe por converterse en tradición, é o Xantar na Rúa, unha idea consistente en sacar as mesas á rúa para que todos os veciños teñan unha comida de confraternidade.
Como conclusión, e como dicimos por aquí «en resúltame las cuentas», este ano as festas de Fisterra, como dicíamos ao principio, terán un éxito asegurado, tanto que máis dun vello que descanse no camposanto vaise levantar da súa tumba para aplaudir moi orgulloso aos seus descendentes, porque a pesar dos tempos que corren seguen tendo o mesmo sentimento fisterrán de respectar as tradicións que tiñan os seus devanceiros e que ben podemos inchar o peito pola nosa «fisterranía», xa que, afortunadamente, de momento, os fisterráns, aínda non somos unha especie en extinción. ¡Porca miseria!