A entidade que preside organizou un congreso sobre desenvolvemento local
27 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Hai algo máis de dous anos constituíuse una Costa da Morte a Asociación Finisterrae de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afiprodel), unha asociación que aglutina a máis de vinte profesionais do sector. Ese organismo deulle voz oficial e común a todos eles e empezou a moverse en diferentes eidos, como o da formación. O congreso con cerca de 120 inscritos organizado coa Universidade da Coruña esta fin de semana en Vimianzo -e o vindeiro en Corcubión- é proba diso. Dolores Pena (Muras, 1960) é a presidenta de Afiprodel.
-¿Cal é a función dos axentes de desenvolvemento local?
-A nosa función é detectar todo aquilo que poida contribuír ao desenvolvemento económico da zona, aproveitar todas as sinerxías e potencialidades do territorio.
-¿E non é algo desalentador que pese aos esforzos a comarca siga a perder poboación?
-E que vivimos nunha zona cunha poboación envellecida e na que aínda se seguirá a dar o fenómeno da marcha á cidade. No entorno de París, o rural é un valor, a xente traballa na cidade pero volve ao campo cada día a vivir. O rural en Galicia aínda no é un valor a ter en conta. Aquí aínda non rematamos co desprestixio do rural. Para que a xente se quede hai que darlle os mesmos dereitos e servizos que nas cidades.
-¿E cal é o maior atranco que atopan os axentes de desenvolvemento local nos seus empregos?
-O mesmo que teñen os alcaldes, a falta de presupostos para facer cousas.
-¿Como xurdiu a idea de montar Afiprodel?
-Todos os técnicos da zona levabamos traballando en común desde o primeiro plan Leader. Reuníamos de xeito informal e decidimos facer unha asociación de feito entre unha xente que tiña inquedanzas no desenvolvemento local, montar unha plataforma para facer chegar as nosas propostas ás Administracións. Sempre é máis serio ir como asociación e non como un grupo de técnicos.
-¿Canto tempo leva traballando con persoal especializado no desenvolvemento da comarca?
-Os primeiros chegaron a finais dos anos 80 e empezaron en Camariñas, logo foi Carnota e despois sumáronse o resto dos concellos nos anos 90, coa transferencia á Xunta das políticas activas de emprego.
-¿En que situación están hoxe os ADL?
-Hai de todo. Desde os que teñen contratos por un ano ata funcionarios pasando por persoal laboral fixo. Nós cremos que non se debe financiar a persoas, senón aos servizos que prestan.